Luns, Abril 20, 2026
HomeNewsActualidadeViolencia dixital e os riscos dos deepfakes na vindeira xornada de Igualdade...

Violencia dixital e os riscos dos deepfakes na vindeira xornada de Igualdade do Porriño

O Concello do Porriño dá continuidade ao ciclo de xornadas “Igualdade, muller e dereitos: realidades e desafíos” coa celebración da súa segunda sesión, “Mulleres novas, violencia dixital e deepfakes” que terá lugar o vindeiro 23 de abril no Salón de Plenos municipal entre as 17:00 e as 19:30 horas.

A xornada, que correrá a cargo da maxistrada María Belén Rubido de la Torre, abordará unha das problemáticas máis actuais en materia de igualdade: o impacto das novas tecnoloxías nas novas formas de violencia de xénero, especialmente entre a mocidade.

Trataranse cuestións como a proliferación dos deepfakes, o acoso dixital e os retos que supón a protección dos dereitos das mulleres no ámbito tecnolóxico. María Belén Rubido de la Torre Maxistrada da Audiencia Provincial de Pontevedra e especializada en violencia sobre a muller, conta cunha ampla carreira xudicial desde o ano 2000. Ao longo da súa traxectoria desempeñou funcións en distintos xulgados, entre eles o Xulgado de Instrución no 4 de Vigo e o Xulgado do Penal no 4 de Pontevedra, este último especializado en violencia de xénero.

Ademais, foi decana dos xulgados de Pontevedra e parte da Rede de Especialistas en Igualdade do Consello Xeral do Poder Xudicial. A súa actividade profesional complétase cunha intensa labor docente e divulgativa en materia de igualdade, perspectiva de xénero, violencia sexual e trata de seres humanos, participando en cursos, congresos e formacións tanto a nivel estatal como internacional.

Dende o Concello do Porriño aseguran que “a súa traxectoria consolídaa como a poñente ideal para esta xornada, adicada á concienciación sobre as novas formas de violencia contra a muller”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “é fundamental abrir espazos de reflexión sobre os novos retos que afronta a igualdade, especialmente nun contexto no que as tecnoloxías están a transformar tamén as formas de violencia”. Lorenzo tamén recalcou a aposta do municipio pola divulgación e o debate nestes encontros “desde o Concello queremos pór a disposición da cidadanía todas as ferramentas de coñecemento e sensibilización que estean ao noso alcance”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS