O CIFP A Granxa, ubicado en Ponteareas, acolleu os días 17 e 18 de abril a celebración das I Xornadas de Educación Ambiental, un encontro formativo no que participaron 45 docentes de educación infantil e primaria co obxectivo de achegar novas ferramentas e experiencias para traballar a conciencia ecolóxica nas aulas.
A xornada inaugurouse cunha mesa redonda centrada no contexto medioambiental actual, na que interviron diferentes voces expertas como Emilio Fernández, profesor da Universidade de Vigo; Concepción García, técnica de patrimonio; Ana Vázquez, educadora ambiental; e Enar Moa, docente de servizos á comunidade en ciclos formativos vinculados á educación ambiental. O acto contou ademais coa presenza de Eugenia Pérez, directora xeral de Formación Profesional, convidada polo propio centro.
Tras a parte inicial máis teórica, o programa deu paso á práctica. O profesorado organizouse en distintos ecosistemas e foi rotando por cinco obradoiros experienciais: secado de flores, itinerarios no medio natural, plantas silvestres e os seus usos, xogos na natureza e un escape room en contornas naturais.
Ao longo das actividades realizáronse tarefas como a identificación de especies vexetais, a elaboración de zumes con froitas e plantas, e procesos completos de transformación mediante o traballo en cadea. O obxectivo era sempre poñer en valor a aprendizaxe a través da experiencia directa do alumnado.

