Un ciclista de 26 anos, veciño de Ponteareas, ingresou este domingo en estado moi grave no hospital Álvaro Cunqueiro tras ser alcanzado por un vehículo en Mondariz.
Concretamente, o accidente ocorreu na estrada N-120 ao seu paso pola parroquia de Meirol en torno ás 19:00 horas.
Todo apunta a que o coche levou por diante ao cilista, que quedou inconsciente na beiravía tras caer por un talude. Os feitos ocorreron á altura do quilómetro 635.
Segundo informou o 112-Galicia, o vehículo comezou a arder tras o impacto, e rematou calcinado por completo.
En canto ao ciclista, foi trasladado ao hospital en helicóptero de emerxencias. O mozo saíu despedido e quedou tendido na parte traseira do turismo. Levou un forte golpe na cabeza e tivo que ser intubado antes do seu traslado.
A Garda Civil estuda agora se se tratou dun despiste ou se o condutor, que viaxaba só, circulaba a velocidade excesiva ou baixo os efectos do alcol.
Para sufocar o incendio provocado polo vehículo, deberon mobilizarse os Bombeiros de Ponteareas. Contaron coa axuda dos efectivos do distrito forestal da zona e dos voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea. Ata o lugar tamén se desprazaron axentes da Garda Civil de Tráfico.

