O Consello da Xunta vén de dar luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de Mos para executar as obras de mellora e humanización da contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras.
O proxecto contará cun investimento de preto de 800.000 euros, dos que a Xunta financiará o 80%, asumindo o Concello de Mos o importe restante.
Esta actuación dá continuidade aos traballos iniciados en 2025, cando se actuou na zona do antigo aparcadoiro, e permitirá dar un paso máis na transformación deste espazo, moi vinculado á vida social da parroquia.
A intervención céntrase agora no ámbito do atrio, co obxectivo de convertelo nun espazo máis accesible e pensado para o uso da veciñanza. A proposta aposta por unha plataforma única que favoreza a convivencia entre peóns e vehículos, limitando a velocidade a 30 km/h e reducindo o peso do tráfico nunha zona ata agora moi condicionada polos coches.
O proxecto inclúe tamén a incorporación de zonas verdes, arborado e novo mobiliario urbano, co fin de crear un espazo máis amable e funcional para o día a día.
A área na que se actuará está incluída na contorna de protección de elementos do catálogo de Patrimonio Cultural, entre eles a igrexa de San Miguel de Pereiras, que data de 1788, e o Castro de Pereiras, o que reforza o interese da intervención desde o punto de vista patrimonial.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, puxo en valor a aprobación deste convenio e sinalou que “o obxectivo é claro: gañar un lugar de encontro, máis seguro e máis accesible, sen perder o carácter do entorno nin o seu valor histórico”.

