Martes, Abril 14, 2026
HomeNewsActualidadeDetido en Vigo o grupo criminal que atracou un banco en Porriño...

Detido en Vigo o grupo criminal que atracou un banco en Porriño no mes de outubro

A Garda Civil de Pontevedra e a Policía Nacional de Vigo-Redondela veñen de desarticular, nunha operación conxunta, un grupo criminal relacionado con atracos en sucursais bancarias, detendo a dous varóns de 53 e 61 anos e unha muller de 52. As tres persoas implicadas tiñan residencia en Vigo e contan con numerosos antecedentes penais.

A operación, denominada “PAMPA-TRACKER” iniciouse a principios do mes de outubro de 2025, ao terse coñecemento do atraco perpretado nunha sucursal bancaria na localidade de O Porriño. O asalto foi realizado por dous indiviuos que irrumpiron na sucursal porriñesa en horas próximas ao peche, facendo uso de armas de fogo. Unha vez dentro, maniataron con bridas a todos os empregados e clientes, sendo inmovilizados nunha esquina evitando ser vistos dende o exterior.

Tras a apertura da caixa forte, os atracadores fuxiron cun botín de 138.000 euros. Unha vez fóra, montaron nun coche de aluguer que conducía unha muller.

Avanzadas as primeiras averiguacións, os axentes investigadores puxeron o foco sobre un histórico atracador de bancos da zona de Vigo e a súa área metropolitana.

Tras varias tentativas de atraco máis, os investigados foron sometidos a constantes vixianzas dende finais do pasado ano. Ante isto, os atracadores intensificaron as medidas de seguridade para evitar a súa localización, cambiando frecuentemente de lugar de residencia.

Finalmente, os axentes puideron localizalos e detelos o día 1 de abril, cando se desprazaban a unha rúa próxima a unha sucursal da rúa Manuel de Castro, en Vigo. No momento que baixaron do vehículo, conducido pola mesma muller que no atraco de O Porriño, foron sorprendidos polos corpos policiais e detidos nese mesmo momento.

Os tres arrestados, foron postos a disposición do Tribunal de Instancia e Instrución do Porriño en funcións de garda, que decretou o seu ingreso en prisión.

Posteriormente, foron detidas outras dúas persoas, un varón de 36 anos veciño de Covelo e un varón de 61 anos, veciño de Ponteareas, ambos con antecedentes policiais pola súa presunta colaboración cos detidos.

Así, a este grupo criminal atribúenselles delitos de roubo con violencia e intimidación, pertenza a grupo criminal, detención ilegal, tres tentativas de roubos con violencia e intimidación e tenencia ilícita de armas.

A investigación foi dirixida pola Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia Nº1 de O Porriño e a Fiscalía de Vigo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS