O equipo do Seprona xunto co equipo de investigación da Garda Civil de Tui veén de deter a dous varóns, de 61 e 29 anos e ambos veciños de Tui, por un presunto delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas.
Os feitos remóntanse ao luns 9 de marzo, cando por parte dos Axentes se leva a cabo unha inspección rutinaria nun establecemento de automoción da localidade.
Entre o material habitual de traballo, concretamente no interior nos botes de pintura, os axentes localizaron envoltorios brancos e bolsas de envasado ao vacío, así como dous envoltorios co que parecían ser substancias estupefacientes. Tamén localizaron billetes de diverso valor, cun importe total de 8.900 euros.
A través dos Drogo-test Scott reagent system modified, que se encargaron da análise das substancias, os resultados foron positivos en heroína e cocaína; concretamente 53,92 gramos e 16,03 gramos, respectivamente.
Durante a inspección tamén se localizou unha báscula electrónica de precisión. Por todo isto, procédese á detención do xerente e empregado da empresa por presunto delito de tráfico de drogas.
A Garda Civil informa que ao longo dos anos, xa foron detidas tres persoas saíndo dese mesmo local por delito de tráfico de drogas, sendo intervidos un total de 92 gramos de cocaína e 11 gramos de heroína.
As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Garda de Tui.

