O goberno de Ponteareas vén de aprobar en pleno a licitación do proxecto do Ciclo Integral da Auga, unha actuación estratéxica cun investimento de 32,5 millóns de euros co que o Concello dará resposta a unha das demandas históricas do municipio: o saneamento nas parroquias.
Este contrato de xestión da auga permitirá a modernización e o mantemento de todo o sistema hidráulico do Concello e que todos os veciños, vivan onde vivan dispoñan de rede de saneamento. Así, pasarase dun sistema de mantemento reactivo a un sistema de mantemento preventivo.
A licitación que sae por 107 millóns de euros por 25 anos inclúe os 32,5 millóns de investimentos, os 350.000€ anuais que debe devolver o Concello ao Estado pola construción da nova depuradora da Moscadeira, o mantemento desta e do resto e todos os gastos materiais e humanos derivados da execución do contrato.
O ciclo da auga é un plan integral de gran alcance que contempla actuacións en todas as parroquias e que “combinará diferentes solucións técnicas adaptadas ás características de cada contorna”, tal e como explicou no pleno a concelleira de Infraestruturas, Raquel Bautista.
Bautista explicou ademais que as bases da licitación incorporan criterios que permitirán axilizar ao máximo posible a execución do proxecto, de maneira que se puntuarán positivamente aquelas propostas que contemplen un maior número de actuacións executadas no ano 2027, co obxectivo de acelerar a implantación do sistema de saneamento nas parroquias.
A concelleira aclarou que os veciños e veciñas pagarán a partir da entrada do novo contrato según os consumos de auga que fagan, eliminando as cuotas mínimas e reprochou ao goberno anterior a prórroga á empresa actual e non ter aplicado as subas do IPC facendo que agora hai que devolver máis de 700.000€.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou a importancia deste “paso administrativo que permitirá facer realidade un proxecto moi agardado pola veciñanza”. A rexedora explicou que despois de máis de dous anos e medio de tramitación administrativa, o goberno municipal fai un importante avance para levar adiante esta actuación.

