Martes, Marzo 10, 2026
HomeActualidadeDeportesO Celta perde a Miguel Román ata o final de tempada

O Celta perde a Miguel Román ata o final de tempada

O futbolista de Gondomar sufriu unha rotura no quinto metatarsiano do seu pé esquerdo

Miguel Román despídese da presente tempada. O Celta de Vigo vén de confirmar que o centrocampista ten unha rotura no quinto metatarsiano do seu pé esquerdo e botará tres meses de baixa.

O xogador mancou nos adestramentos desta mesma mañá. A causa dun mal apoio, Miguel Román percibiu unha intensa dor na zona do nocello e do pé. Os servizos médicos do equipo confirmaron posteriormente mediante unha radiografía a lesión do quinto metatarsiano, a cal levará ao gondomareño a ter que pasar por quirófano. O máis probable é que a operación sexa programada para o xoves desta semana, mesmo día no que o Celta se enfronta en Balaídos ao Olympique de Lyon.

Esta mala noticia supón tamén un novo problema para Claudio Giráldez. Miguel Román estaba a ser o xogador revelación do equipo na presenta campaña e acadara estes meses o rol de titular indiscutible no centro do campo. O noveno xogador máis empregado polo porriñés tras reunir máis de 2.000 minutos entre tódalas competicións. Ademais, coa súa ausencia o Celta perde o xogador que mellor encaixe e equilibrio tiña no centro do campo. Con capacidade creativa e distributiva no momento de atacar e solidariedade e bo posicionamento nas fases defensivas dos partidos.

Con esta perda, sumada ás saídas no pasado mercado de Fran Beltrán e Damián Rodríguez, Claudio Giráldez atópase de novo con tres únicos elementos fixos para os dous postos da medular do equipo: Ilaix Moriba, Hugo Sotelo e Matías Vecino, recente fichaxe dos vigueses. Aos xa nomeados cabería comentar a xogadores coma Fer López ou Óscar Mingueza, tamén empregados no pasado nas demarcacións creativas do Celta, e a posibilidade de volver a contar con xogadores do Fortuna coma Hugo Burcio ou Andrés Antañón.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS