O Valinox Atlético Novás enfrontábase este sábado as 19:00 no seu pavillón ao Balonmán Cañiza nun derbi vital para ambos neste punto da tempada. O líder xogaba para manter perfectos os seus rexistros e certificar matemáticamente a súa presenza na fase de ascenso á División de Honra Prata, mentres que os canicenses visitaban O Rosal coa necesidade de gañar e dar a sorpresa para coller folgos e aproveitar as súas opcións de permanencia na categoría.
Nesta pugna entre galegos, os adestrados por Guillermo Artime volveron a atopar dificultades. O Balonmán Cañiza, pese ao seu mal momento na táboa, amosou a súa habitual capacidade competitiva fronte ao rival máis esixente da categoría. Mantiveron diferenzas baixas no marcador ao longo do primeiro período e conservaron un resultado aberto (16-12) ata o tempo de lecer. O Novás so conseguiu abrir a vantaxe nos minutos finais e no segundo período, onde a súa defensa, o bo papel do gardarredes Pablo Miana e as actuacións de Diego Prada (8 tantos) e Bruno Vázquez (3) foron argumentos incontestables para os canicenses (33-23).
Grazas a este resultado, vinte catro partidos e vinte catro victorias despois, O Rosal sabe que o seu equipo volverá a xogar por regresar á categoría de prata do balonmán nacional. Con doce puntos en disputa nas derradeiras seis xornadas da fase regular, os trece que os separan co terceiro clasificado, Balonmano Ingenio, aseguran a súa presenza nas eliminatorias de ascenso. O Novás xogará agora coa ambición de seguir coa súa espléndida dinámica coma invicto e de rematar campión da fase regular. Este último obxectivo poderían obtelo a semana que vén, no caso de gañar e de que o Balonmán Lanzarote Ciudad de Arrecife, a oito puntos dos rosaleiros, perdese na súa próxima visita a Bueu.
Pola súa parte, Balonmán Cañiza, penúltimo con once puntos e a tres do próximo clasificado (que marca a permanencia) precisa volver a facerse forte como local coma nas últimas xornadas e rabuñar varias victorias para acadar a súa salvación. A próxima xornada recibirán ao Balonmán Culleredo coa ollada posta tamén no fallo dos seus dous principais rivais na loita pola permanencia, Tacoronte e Porriño. Ambos, ademais, terán que medir as súas forzas dentro de dúas semanas no pavillón dos canarios.

