O Tyde Fútbol Club canta en 2026 o seu 100º aniversario, un feito que serve para pór en valor un século de historia, deporte e compromiso coa comunidade de Tui e da bisbarra do Baixo Miño.
Fundado no 1926, o equipo consolidouse como unha referencia do fútbol base e amateur, destacando polo seu labor formativo e pola transmisión de valores coma o respecto, o compañeirismo, o esforzo e a superación. Ao longo destas dez décadas, milleiros de xogadores, familias e afeccionados formaron parte dunha entidade que conseguiu evolucionar sen renunciar á súa esencia.
Con motivo da organización dos actos conmemorativos deste fito organizouse unha Comisión do Centenario, integrada por persoas dunha pegada e relación significativas co equipo miñoto: Antonio Luis Montes Fernández, José Manuel Quintana Álvarez, Manuel Castro Almeida, Elías Vieiro Pérez e o actual presidente, David Domínguez Míguez. Este comité será o encargado de coordinar as diferentes actividades previstas ao longo do ano.
Os actos comezarán o sábado 7 de marzo cunha comida de reencontro entre antigos xogadores, directivos e presidentes. Previamente, realizarase unha foto familiar no Pórtico da Catedral de Tui para inmortalizar o comezo oficial do centenario.
A finais de mes terá lugar o “Trofeo del Centenario”, seguido dunha exposición fotográfica conmemorativa que poderá visitarse na Área Panorámica de Tui a partires de abril. Durante o resto do ano levaranse a cabo novos actos institucionais, encontros deportivos e actividades abertas á cidadanía para rendir homenaxe a tódalas persoas que conforman a historia do equipo.
Por outra banda, este ano centenario supón tamén unha oportunidade para proxectar o futuro do Tyde FC, reforzando o seu papel como entidade chave na medra social e deportiva da bisbarra. O compromiso co deporte base, a formación de novos deportistas e a defensa de hábitos de vida saudables seguen a ser alicerces fundamentais do su proxecto.
Desde o club convidan a socios, exogadores, seareiros e veciñanza a sumarse a esta celebración histórica e a seguir acompañando ao equipo durante os próximos cien años de fútbol, paixón e comunidade.

