Xoves, Febreiro 5, 2026
HomeNewsActualidadeSan Cibrao das Viñas gañará 341.000 metros cadrados de solo industrial coa...

San Cibrao das Viñas gañará 341.000 metros cadrados de solo industrial coa súa nova ampliación

O proxecto de ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, emprazado na provincia de Ourense, acaba de recibir un total de quince ofertas para executar as obras de urbanización. Unha intervención que permitirá incrementar en 341.542 metros cadrados a superficie actual, cifrada en máis de tres millóns de metros cadrados. 

As obras de ampliación do parque empresarial de San Cibrao contan cun orzamento de 9,8 millóns de euros, mentres que o prazo de execución previsto é de 18 meses, unha vez formalizado o contrato. Deste xeito e segundo o cronograma previsto pola sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), dependente da Consellería de Economía e Industria, os traballos de execución poderían comezar a mediados deste ano e estar rematados a finais do ano 2027, para así poder por a disposición dos empresarios as parcelas no ano 2028.

O Goberno galego promove este proxecto de urbanización do plan parcial Sur I2, I3 e I4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de San Cibrao das Viñas, tras a súa aprobación definitiva polo Concello o pasado 11 de setembro. As actuacións a levar a cabo permitirán poñer a disposición das empresas interesadas unha superficie total de 341.542 m2, distribuída en 5 grandes mazás, que segundo a demanda dos empresarios pode dividirse en parcelas que poden variar entre os 1.400 m2 ata os 68.000 m2 como máximo, e un área de equipamentos que permitirá dar servizos aos núcleos de poboación mais cércanos. As zonas verdes sitúanse no perímetro do ámbito do polígono co obxectivo de servir de barreira visual e protexer o entorno rural e as zonas residenciais máis pretas.

Máis de 2,7 millóns de m2 en Ourense

A execución das obras de urbanización deste parque empresarial veñen a sumarse á estratexia da Xunta para ampliar o solo industrial na comarca de Ourense e no conxunto da provincia, na que se encontran actualmente en tramitación a redacción dos PEOSE (Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial) dos parques empresariais de O Carballiño-Maside, Paderne de Allariz e Pereiro de Aguiar, así como as obras de execución do parque empresarial de Xinzo de Limia.

Estas actuacións suman mais de 2,7 millóns de metros cadrados de solo empresarial na provincia ourensá que nos vindeiros anos poranse á disposición das empresas de acordo coa estratexia de impulsar solo industrial nas grandes áreas industriais, pero tamén naquelas comarcas do interior para fomentar o reequilibrio territorial e frear o seu despoboamento.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS