Sen titubeos e con total autoridade: así avanzou o Mecalia Atlético Guardés aos cuartos de final da European Cup. Tras vencer por tres tantos coma locais no primeiro encontro da súa eliminatoria fronte ao Erice, as rapazas adestradas por Ana Seabra visitaban Italia co obxectivo de soster esa vantaxe e acceder á seguinte rolda. Mais no Pala Pino Cardella o marcador pouco tardou en favorecer ás miñotas.
O Guardés amosou a súa superioridade fronte a un rival feble. O resultado final, 19-30, reflicte a enorme efectividade e solidez defensiva das galegas e as dificultades e debilidades do equipo insular nese segundo partido. Unha diferenza que se achegou ao dobre ao longo do encontro (15-29) e que non deu acenos de minguar ata os derradeiros minutos do partido, nos que Seabra rotou e deu minutos a xogadoras menos habituais.
Con este notable traballo as miñotas volven a unha dinámica positiva nun dos momentos máis concorridos da tempada. Gañan confianza para os próximos encontros de Liga Iberdrola, os oitavos de final da Copa da Raíña e a próxima eliminatoria cun rival aínda por coñecer. O vindeiro sábado, data do sorteo, confirmarase o seguinte equipo a superar co fin de obter ese soñado título europeo.

