O Mecalia Atlético Guardés encaraba a súa visita a Granollers na noite de onte coa posibilidade de durmir coma líder da máxima categoría nacional do balonmán feminino. Unha opción que se presentaba de xeito sorpresivo trala derrota do Bera Bera donostiarra, que perdía a súa condición de invicto nesta tempada (e unha xeira de 27 partidos de liga sen coñecer a derrota) fronte ao Elche na noite do martes. Porén, o equipo dirixido por Ana Seabra non sería quen de aproveitar esa eiva.
Un esixente Granollers impúxose ás do Baixo Miño con firmeza, 25-22. As catalás penalizaron a espesura das galegas nos compases iniciais e souberon soster con regularidade e autoridade a súa vantaxe no marcador ata o remate do encontro. A sólida defensa das locais, e a inspiración anotadora de Cristina Polonio (10 tantos) resultaron chave e forzaron a segunda derrota na tempada dun Guardés que non logrou atopar a súa mellor versión. As galegas sentiron a baixa da central lalinense Ceci Cacheda, coa que se contaba para este enfrontamento e que non viaxou coas súas compañeiras por mor dunhas molestias. Un hándicap que afectou sobre os plans de Ana Seabra e o potencial ofensivo do equipo ao longo do partido.

