jueves, enero 15, 2026
InicioNewsActualidadeA Conselleira de Política Social visita a nova Escola Infantil de Pontellas

A Conselleira de Política Social visita a nova Escola Infantil de Pontellas

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe á conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, nunha visita institucional ás instalacións da nova Escola Infantil municipal de Pontellas, cuxas obras xa se atopan rematadas e que abrirá as súas portas no vindeiro curso escolar, unha vez se completen os traballos de equipamento e amoblamento.

Durante a visita, o alcalde destacou que “este novo centro é unha mostra do compromiso do Concello do Porriño coa educación infantil, coa conciliación da vida familiar e laboral e coa prestación de servizos públicos de calidade”, subliñando tamén a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos estratéxicos para o municipio.

Nas súas declaracións, Lorenzo puxo tamén en valor que “tanto as características, como o funcionamento e os custos desta escola infantil serán exactamente os mesmos que os dunha Galiña Azul”, aclarando ademais que “a atención educativa será totalmente gratuíta, acollida ao Plan de Gratuidade da Xunta de Galicia do ano 2022”.

Con este novo centro crearanse 66 novas prazas públicas de Educación Infantil de 0 a 3 anos, «reforzando a rede municipal e dando resposta á crecente demanda das familias». A preinscrición para acceder a estas prazas abrirá a partir de mediados do mes de febreiro.

En canto ao investimento económico, a achega do Concello do Porriño ascende a preto de 385.000 euros, distribuídos en 25.000 € para equipamento e case 360.000 € para obras. Esta achega complétase co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que supón máis de 408.000 euros, permitindo un investimento total de 788.367,755 €.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, quixo agradecer expresamente “ao alcalde e ao equipo de goberno do Concello do Porriño polo seu compromiso coa educación infantil e pola aposta decidida pola creación de novos servizos públicos”, destacando que esta nova escola infantil “vai dar servizo a máis de 70 familias, que poderán compatibilizar a súa vida persoal e laboral grazas a un recurso público e de proximidade”.

A conselleira subliñou tamén que este tipo de investimentos son clave para apoiar ás familias, favorecer a conciliación e garantir a igualdade de oportunidades desde as primeiras etapas da vida, poñendo en valor a colaboración institucional para seguir ampliando a rede de escolas infantís públicas en Galicia.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS