“A Estación de Montaña Manzaneda pechou o período comprendido entre o 23 de decembro de 2025 e o 11 de xaneiro de 2026 cun balance moi positivo, tanto en afluencia de usuarios como en ocupación de aloxamento”, salientou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante unha visita esta tarde ás instalacións, “que consolidan así a súa recuperación despois de resultaren afectadas pola vaga de lumes do pasado verán”.
Xosé Merelles explicou que dun total de 14.559 usuarios, 8.915 foron esquiadores e 6.844 visitantes, “uns datos que poñen de manifesto o atractivo de Manzaneda non só para a práctica do esquí, senón tamén como espazo de lecer, natureza e turismo familiar, mesmo en xornadas nas que non foi posible a actividade esquiable”, apuntou.
Ademais, o director de Turismo valorou a ocupación do complexo de aloxamento da estación que acadou próxima ao 87 %, “con picos que chegaron ao 94 % nos días de maior demanda”.
Vacacións de Nadal
Os mellores rexistros concentráronse nos días centrais das vacacións de Nadal e en datas sinaladas como a Noiteboa, Fin de Ano e Aninovo, coincidindo cunha maior afluencia de visitantes e con estadías de carácter maioritariamente familiar.
Segundo apuntou o director de Turismo, os rexistros deste período supoñen un impulso moi importante para toda a tempada ao tempo que reforzan a estratexia da Xunta no que atinxe á diversificación da oferta, impulsando Galicia en xeral, e Ourense, en particular, como destino de inverno. Ademais, “favorecen a consolidación de Manzaneda como destino de montaña os 365 días do ano, con impacto directo na economía local e comarcal”.


