O maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo condena ao pagamento dunha multa de 270 euros a un home por realizar un “acto de natureza sexual” cunha vaca preñada nunha explotación gandeira de Castro de Rei. O xuíz, que o considera autor dun delito leve de malos tratos animais, tamén o inhabilita para o exercicio de profesión, oficio ou comercio relacionado con animais e para a tenza destes durante catro meses.
Na sentenza, explica que “a atou de cabeza e cola para impedirlle reaccionar naturalmente” e, a continuación, “impoñerlle unha conduta non definida con seguridade, pero que, en todo caso, conlevou manipulación na zona do corpo do animal baixo a súa cola”, o que implica “un menoscabo e unha humillación para a vaca que, sen dúbida, poden reputarse como graves”.
O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo sinala que do conxunto de indicios se deriva que o denunciado realizaba unha conduta de tipo sexual co animal cando foi sorprendido, durante a madrugada do 29 de xuño de 2025, polos donos da explotación. Entre os devanditos indicios fai referencia ao observado polas testemuñas -o propietario da vaca e a súa nai-.
Ademais, fai referencia a que o acusado non compareceu no xuízo “para negar os feitos ou ofrecer algunha versión alternativa que puidese ser verosímil, algo moi improbable ante a conduta do denunciado e a forma en que tiña disposto ao animal, ademais do concluínte dos indicios, polo que o seu silencio no xuízo pode ser valorado tamén como elemento corroborador”. Por todo iso, considera enervada a presunción de inocencia.

