A concelleira do Concello de Tui, Pilar Gregores, anunciou a súa renuncia ao Grupo Municipal do Partido Popular, encabezado por Nico Montes, e o seu paso á condición de concelleira non adscrita.
Gregores explica que a súa decisión é froito “dunha longa reflexión” tras “un ano de illamento e exclusión dentro do grupo”, situación que, segundo afirma, “non só dificultou o exercicio responsable e eficaz” das súas funcións, senón que tamén “menoscabou” a súa integridade persoal e política.
“Ante a falta de liderado e implicación do portavoz do grupo municipal, continuarei o meu labor como concelleira non adscrita, mantendo intacto o meu compromiso coas veciñas e cos veciños de Tui” explica a edil.
Pilar Gregores agradece “profundamente a confianza depositada” a todas as persoas que apoiaron o seu labor e subliña que, aínda que abandona o equipo de Nico Montes, “o compromiso con Tui e co Partido Popular segue intacto”.
Pola súa banda, o Partido Popular de Tui vén de comunicar ao equipo de informativos de Si Radio que nas vindeiras horas realizará un comunicado oficial.
[EN ACTUALIZACIÓN]