lunes, octubre 20, 2025
InicioNewsComarcasO Xulgado suspende parcialmente os servizos mínimos decretados polo Concello de Ponteareas...

O Xulgado suspende parcialmente os servizos mínimos decretados polo Concello de Ponteareas na folga do SAF

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra deu, parcialmente, a razón as traballadoras da empresa Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas, ao anular dous dos puntos máis polémicos dos servizos mínimos fixados polo Concello. Trátase da obriga de prestar 45 minutos por persoa usuaria e a exixencia de que sexan as propias persoas en folga quen os cubran. A xuíza entende que estas medidas poderían vulnerar o seu dereito fundamental.

Deste xeito, tal e como informa o sindicato CIG nun comunicado, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra vén de estimar parcialmente a reclamación do comité de empresa de Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, a respecto dos servizos mínimos, «decretando a suspensión dos dous puntos máis controvertidos como é a obriga de 45 minutos como mínimo de atención por persoa usuaria e que teñen que ser cubertos polas persoas traballadoras que secundan a folga».

A representación do persoal presentou o pasado 30 de setembro un recurso contencioso-administrativo en amparo do dereito fundamental de folga contra a resolución emitida unha semana antes pola Alcaldía «na que se fixaron os servizos mínimos do paro indefinido que deu comezo o pasado 26 de setembro ante os graves incumprimentos por parte da empresa», tal e como indican no escrito o sindicato nacionalista.

Ademais, explican que a sentenza entende que «o cumprimento das obrigas anuladas podería derivar una limitación efectiva do dereito fundamental de folga».

Tarefas esenciais

Agora a decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galica (TSXG), decreta a suspensión destas dúas cuestións (45 minutos por persoa usuaria e servizos mínimos cubertos por persoas que secundan o paro) ao entender que «o seu cumprimento podería derivar una limitación efectiva do dereito fundamental de folga».

Na sentenza determínase que «as actuacións e tarefas máis esenciais do persoal en folga, incluídas por suposto aquelas cuxa omisión podería poñer en risco a vida, integridade ou saúde das persoas usuarias, están (ou deberan estar) incluídas nos servizos mínimos establecidos pola Administración, asegurando así a súa prestación, sen que a tal efecto aporte nada a previsión dun tempo mínimo«.

E en canto á medida relativa a que sexan as persoas traballadoras que secundan a folga as que cubran os servizos mínimos, «a súa suspensión cautelar non afecta tampouco á obrigada prestación destes, con independencia de quen os leve a cabo».

Próxima reunión coas traballadoras en folga indefinida

As traballadoras do SAF de Ponteareas levan xa preto dun mes en folga indefinida. Reclaman que o Concello expulse a Óbolo, empresa concesionaria do servizo, porque segundo indican «non cobramos cando temos que cobrar e cando cobramos, pagan mal», entre outras cuestións. A próxima reunión que manterán co Concello co fin de solcuionar a situación será este mércores.

Escoita a entrevista con Dina Cardoso, parte do comité de empresa do SAF de Ponteareas:

«Non fago folga porque non mo podo permtir»

Unha das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Ponteareas vén de explicar nos micrófonos de Si Radio que ela é unha das persoas que non fan folga porque «a miña situación non mo permite, pero sí que apoio as reivindicacións das miñas compañeiras, por suposto». Indica que «non fago folga, pero non falto nin a unha protesta».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS