A Xunta de Galicia insiste na súa reclamación ao Goberno central para que desbloquee os fondos estatais que lle adebeda á Comunidade para adoptar medidas de prevención e facer fronte aos danos causados polo lobo, así como a convocatoria urxente da Conferencia sectorial de medio ambiente, adiada o pasado mes de xullo, de forma unilateral, polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).
Así o trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, durante a súa intervención ante a reunión da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade -principal órgano consultivo e de cooperación entre o Estado e as comunidades autónomas en materia de conservación da natureza-, celebrada na Rexión de Murcia, e na que participaron representantes do Miteco e de todas as comunidades e cidades autónomas.
En concreto, a directora xeral instou ao Goberno central a aboar a Galicia os 8 millóns de euros que lle corresponden dos fondos estatais para adoptar medidas de prevención e facer fronte aos danos do lobo correspondentes aos anos 2022 e 2023. Cómpre lembrar que, por problemas internos do Executivo central, aínda non se produciu a distribución de fondos de 2023, e que, no caso do financiamento de 2022, o reparto foi inxusto coa Comunidade por non apoiar a estratexia nacional do lobo.
Porén, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático «mantén o seu compromiso de apoio ao sector gandeiro afectado polos ataques do lobo«. De feito, este ano convocou tres ordes de axudas por un importe total de algo máis de 2 millóns de euros para a adquisición e mantemento de cans protectores, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada (1,09 M€); para a instalación de valados fixos (400.000 euros) e para subvencionar os custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando (preto de 600.000 euros).
Os orzamentos autonómicos de 2025 incluíron tamén unha partida de máis de 900.000 euros -un 49% máis que en 2024- para paliar os danos ocasionados polo lobo. Ademais, nesta convocatoria as axudas incrementáronse nun 10%.
Ademais, a directora xeral de Patrimonio Nacional, en liña cos restantes representantes rexionais, reclamou tamén que se convoque de forma urxente a Conferencia sectorial de medio ambiente, que foi aprazada sen nova convocatoria o pasado mes de xullo, e que se respecten os acordos adoptados na comisión estatal por unha ampla maioría. Principalmente, que se eleve á Comisión Europea o informe sexenal sobre o estado de conservación de especies silvestres, incluído o lobo.
Galicia demanda unha vez máis ao Miteco que «deixe a un lado a ideoloxía e teña en conta os informes técnicos elaborados polas comunidades autónomas, que referendan que o estado do lobo é favorable en España. No caso da Comunidade, a poboación desta especie mantense estable, con 93 mandas». Cómpre ter en conta tamén que, «desde a inclusión do lobo no Lesrpe, en setembro de 2021, os avisos por ataques incrementáronse nun 72% e o número de reses afectadas sufriu un aumento dun 57%».