miércoles, agosto 27, 2025
InicioNewsActualidadeA Escola Municipal de Teatro de Tomiño abre as súas inscripcións

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño abre as súas inscripcións

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño vén de abrir o prazo de inscrición para un novo curso que promete «emoción, aprendizaxe e creatividade». Esta iniciativa contará con tres
grupos
adaptados diferentes idades: dous grupos de infantil de 4 a 8 anos e de 8 a 12 anos e outro destinado a mocidade de máis de 13 anos.

As clases comezarán en outubro no Auditorio de Goián da man, un ano máis, de Migallas Teatro, que impartirá a actividade todos os martes pola tarde cun marcado carácter práctico.

O alumnado traballará aspectos básicos da creación escénica como a expresión dramática e oral, a improvisación, o movemento expresivo, o ritmo e a creación de personaxes. Ao final do curso, representarán sobre as táboas as pezas que irán preparando durante o ano, convertendo a aprendizaxe nun espectáculo aberto á veciñanza.

Cal é o seu obxectivo?

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño é unha iniciativa cunha traxectoria de varios anos que non deixou de medrar, superando xa as 300 persoas participantes nos últimos anos.

O obxectivo é ofrecer un espazo de aprendizaxe artística e convivencia no que, ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo e se melloran os recursos comunicativos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou a importancia desta iniciativa, xa que “a Escola de Teatro é moito máis ca unha actividade cultural: é un espazo de encontro no que a infancia e a mocidade aprenden a expresarse, a traballar xuntas e a confiar nas súas propias capacidades. É unha experiencia transformadora que cada ano gaña máis participantes”.

Inscripcións

As prazas son limitadas e o prezo da actividade é de 15 euros ao mes, con descontos
especiais no caso de varios membros dunha mesma familia.

Os horarios serán os seguintes: de 16.00 a 17.15 h o grupo de 8 a 12 anos, de 17.30 a 18.45 h o de 4 a 8 anos e de 19.00 a 20.30 h o grupo de maiores de 13 anos.

As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a inscrición ata o 19 de setembro nas oficinas de Rexistro do Concello de Tomiño, chamando ao teléfono 986 622 001 ou a través do formulario de inscrición habilitado na web do Concello.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS