O Concello de Ponteareas vén de finalizar as obras de reparación e posta a punto do parque infantil da Perillana, que presentaba danos ocasionados polo uso continuado e tamén por actos de vandalismo.
As actuacións consistiron na reparación de elementos deteriorados, como postes de madeira, plataformas e resortes nos xogos infantís; reposición de pezas subtraídas; e arranxo do pavimento de caucho para reforzar a seguridade e previr accidentes.
Ademais, de forma paralela, reparáronse compoñentes de parques situados noutras parroquias co obxectivo de manter en óptimas condicións todas as áreas de ocio do municipio, que se instalarán nas próximas semanas.
O concelleiro responsable, Ricardo González, destacou que “con esta intervención poñemos en valor un espazo moi utilizado polas familias da vila, asegurando que os máis pequenos poidan gozar dun lugar seguro, accesible e en bo estado. Queremos que os parques infantís sexan espazos de encontro, aprendizaxe e xogo, e por iso seguiremos traballando en melloralos e coidalos”.
Desde o Concello tamén se fai un chamamento á cidadanía para respectar estas instalacións públicas e evitar novos actos vandálicos, lembrando que o bo uso e coidado destes espazos é responsabilidade de todos e todas.