Un punto de encontro entre a mocidade, a creatividade e a cultura. Así será o Festival Boas Vibes que se celebrará en Tui o sábado 6 de setembro. Esta iniciativa posta en marcha no outono de 2024 pola concellería de Igualdade, da un paso máis converténdose nun festival co que despedir co verán, tras o éxito acadado na primeira edición.
De once da mañá a doce da noite a Alameda de San Domingos transformarase para acoller este festival no que a mocidade será a protagonista dun programa cheo de actividades.
O Festival Boas Vibes promove a igualdade a través da cultura en vivo: música, break dance, beat box, arte urbana, mercado creativo e encontros inspiradores, ademais dunha zona gastro que promova un espazo de lecer alternativo para as xeracións máis novas.
Ás 11 horas abrirán os postos do Mercado Creativo amosando o talento novo en produtos e pezas de arte, artesanía, ilustración, moda, música, cerámica, xoiería, decoración, deseño gráfico, fanzines, literatura e outras actividades creativas. Nel poderán participar mozos e mozas de 18 a 35 anos. Para iso deben inscribirse no formulario aberto na web municipal – tui.gal – até as 23:59 h do domingo 24 de agosto de 2025.
Ás 12.30 horas comezarán, na zona do Mirador, os encontros inspiradores da man de xente moza referente no ámbito da cultura, da interpretación, do deporte, da moda, da creación de contidos dixitais, do eido dos videoxogos, da ciencia e da divulgación.
Así, o evento contará coa participación Guillermo Carracedo, campión de Paddle Surf e tiktoker; Isabel Garrido, actriz, coñecida por series de Netflix como Élite, El Jardinero ou El Desorden que dejas; Raúl Lomba, emprendedor, cofundador da marca de moda surfeira galega Waves; e FatiSuki, streamer e creadora de contidos, de humor, anime e videoxogos.
Ás 13:30 horas, na hora do aperitivo, haberá unha Sesión DJ con Sofi Peries que pechará as actividades matutinas, podendo desfrutar da zona gastro con food trucks, que estarán abertas ao longo de toda a xornada.
Pola tarde, ás 16:30 horas, continuarán sesións dj, coa viguesa Sariinha e o porriñés Samu Pexe, mentres a artista plástica Alba Troiteiro realizará unha pintura de gran formato en directo. Ás 18:30 horas, estará en concerto o grupo emerxente Supernova.
Ás 19:30 horas, chegará Vella Escola cun intenso e impresionante espectáculo de Breakdance e Beat Box. A xornada pecharase con dous concertos de artistas xoves, xa referentes no ámbito galego: Hydn (ás 20:30h) e Eris MackenZie (ás 22.00h). O recinto do festival pecharase ás 00.00h.
