O incendio que rexistra o municipio das Neves, na parroquia de Batalláns, continúa sen estar controlado. De feito, a subdelegación do Goberno en Pontevedra vén de informar que un total de 70 militares e 75 vehículos da Unidade Militar de Emerxencias aterran no lugar en coordinación coa Xunta de Galicia e o propio Concello. O obxectivo é sufocar o lume que se iniciou ás 16:41 horas.
Foi nese momento cando a Xunta de Galicia, a través de Medio Rural, desprazou ata o lugar 2 axentes, 4 brigadas, 4 motobombas, unha pa e 2 avións, aínda que, previsiblemente, agora a cifra de efectivos se incrementara debido á virulencia do lume.
Ademais, na actualidade existen cortes parciais na A-52, no kilómetro 286, nos carrís exteriores en ambos sentidos por fume posto que o incendio ten lugar ao carón desta estrada. Neste contexto, as autoridades piden «precaución máxima».
Á hora de redactar esta nova, a Consellería de Medio Rural informa que o lume arrasou xa con 50 hectáreas na parroquia de Batalláns desde o seu inicio sobre as 16:41 horas.
Situación 2 de emerxencia
A Xunta de Galicia decretou o Nivel 2 de emerxencia na parroquia de Batalláns, na zona da Abelleira, por mor da proximidade ao núcleo da poboación. Este nivel de alerta continúa vixente na actualidade.