O Concello de Salceda de Caselas vén de facer públicas as entidades que este ano se subirán ao balcón da Casa da Cultura Castelao o vindeiro sábado 19 de xullo para disparar o Estourazo de inicio das festas. Nesta ocasión, o goberno local decantouse por homenaxear a primeira etapa do ensino infantil. Dúas serán as entidades homenaxeadas, aproveitando os 25 anos que cumpre a Escola Infantil Xoaniña, pioneira no municipio, que compartirá protagonismo coa Escola Infantil A Galiña Azul, a única escola infantil pública existente en Salceda.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o seu equipo, queren deste xeito visibilizar a importancia desta primeira etapa do ensino para os máis pequenos e pequenas. Como non podía ser doutro xeito, o equipo de goberno quere manifestar a súa aposta polo ensino público, polo que resulta imprescindible que a Escola Infantil A Galiña Azul se suba ao balcón para participar no Estourazo. A Galiña Azul leva 17 anos de andadura no Concello, e polas súas aulas levan pasado centos de nenos e nenas, con un modelo de ensino baseado no propio, fomentando a lingua galega e os valores de Galicia.
O equipo goberno quere tamén homenaxear á Escola Infantil Xoaniña no seu 25 aniversario por ser unha entidade que representa o emprendemento feminino no rural, e pola cal levan pasado centos de nenos e nenas ao longo de todos estes anos, empregando un modelo de cercanía e de posta en valor da natureza, pois non faltan na escola os traballos da horta e do coidado de diferentes animais, introducindo a infancia dende o primeiro momento no ambiente máis rural.
As dúas escolas infantís levan moitos anos de convivencia nun dos Concellos co maior índice de natalidade do País. Tal como destacou a Alcaldesa, Loli Castiñeira, “os dous centros fan un importante traballo cos nosos nenos e nenas. Recoñecemos a laboura de centros como Xoaniña, que xunto coa Galiña Azul constitúen un verdadeiro privilexio para a nosa primeira infancia”.
O Estourazo marca cada ano o inicio das festas do Cristo das Angurias o sábado ás 22.00 dende a casa da Cultura Castelao, e vai precedido do tradicional desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda polas rúas da vila. Cada ano elíxese un colectivo para encargarse do disparo, e polo balcón da Casa da Cultura Castelao xa levan pasado numerosas entidades culturais, deportivas e sociais con arraigo na vila.