sábado, noviembre 8, 2025
InicioNewsO PaísA Xunta planifica 5.300 vivendas en Vigo para 2028

A Xunta planifica 5.300 vivendas en Vigo para 2028

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe en Vigo que o Goberno galego planifica 5.300  novas vivendas en Vigo. Destas 5.300, a Xunta está a construír 1.600 novos fogares en Navia, 929  xa en marcha. As restantes, 3.700, construiranse tamén por parte de promotores e cooperativistas nos dous ámbitos que a Xunta está a desenvolver no Ofimático e en Ramón Nieto. Allegue recordou que destas 3.700 novas vivendas, o 80% terán algún tipo de protección. 

María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, puxo en valor o compromiso da Xunta «con impulso da vivenda pública na cidade, cun investimento comprometido de 248 millóns de euros e xa 134M€ executados«.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas detallou a actuación da Xunta en Navia,  que no polígono 1 xa ten 240 novas vivendas en obras e 43 en redacción de proxecto. Tamén destacou que avanza a urbanización do Polígono 2, onde xa están en marcha, tamén en redacción de proxecto 557 vivendas. Ademais, xa está en previsión o Polígono 3, que completará o desenvolvemento do barrio.

Entre estas promocións destacan os 337 fogares nos que se aplican técnicas industrializadas e que permiten acurtar prazos, mellorar a calidade e reducir o impacto ambiental. 

Navia, referente galego da construción industrializada

A conselleira subliñou o papel pioneiro de Navia na aplicación de técnicas industrializadas nas promocións públicas e incidiu no exemplo da primeira construción de 35 novos fogares nas que se primou o uso destas técnicas na licitación da obra. Esta iniciativa da Xunta supón un cambio de paradigma na construción, ao empregar elementos prefabricados que se montan directamente na obra, acurtando prazos e reducindo custos. “Queremos dar exemplo desde a Administración. As técnicas industrializadas permiten unha construción máis rápida, alivia a falta de man de obra e, todo, coa máxima calidade, minimizando ademais o impacto ambiental”, afirmou. 

Navia converterase así no principal laboratorio galego da construción pública industrializada, con 337 vivendas baixo este modelo. Así, nas próximas semanas,  comezarán as obras  de tres novos edificios —de 37, 20 e 16 vivendas—. No polígono 2, así mesmo, xa están en redacción de proxecto 3 inmobles nos que se aplicarán estas técnicas.

Outras actuacións en marcha

Allegue destacou que está en proceso de adxudicación 82 parcelas máis, en 9 lotes, para 153 vivendas protexidas, para que promotores e cooperativistas poidan construír, para o que a Xunta concursa parcelas a un prezo moi baixo.

Por outra banda, puxo en valor edificio de 80 aloxamentos compartidos e temporais dirixidos a menores de 36 anos, cuxa redacción de proxecto acaba de ser adxudicada no polígono 2 que, segundo explicou María M. Allegue, sumado á reserva de fogares públicos do 25% en venda e 40% en alugueiro a menores de 36 anos, “representan unha oportunidade real para a mocidade viguesa, tanto para quen quere independizarse como para quen traballa na cidade e busca un fogar accesible”. 

Dous novos ámbitos residenciais: Ofimático e Ramón Nieto

Ademais, a conselleira avanzou que a Xunta xa ten adxudicada a redacción de dous Proxectos de Interese Autonómico (PIA) que permitirán urbanizar novo solo residencial en Vigo: o ámbito do Ofimático, con capacidade para 2.300 vivendas, o 80% protexidas; e o ámbito de Ramón Nieto, con 1.400 vivendas máis, tamén de carácter protexido.

Estes proxectos forman parte da Estratexia Galega de Solo Residencial, que prevé crear 25.000 novas vivendas en toda Galicia, das que o 80% contarán con algún tipo de protección pública. 

María M. Allegue fixo fincapé no traballo da Xunta e contrapuxo fronte as críticas “están os feitos. Non hai máis que dar un paseo por Navia para comprobar no que se está a converter este barrio”, subliñou a conselleira, quen lembrou que o Executivo galego está a cumprir “cun compromiso real e visible coa vivenda pública en Vigo”.

Martínez Allegue insistiu en que “no reto de facilitar o acceso da cidadanía a unha vivenda digna e accesible, todas as administracións debemos remar na mesma dirección”. “Hai que deixar a un lado as rencillas políticas e centrarse no que nos piden os cidadáns: solucións”, afirmou, lembrando que “a única maneira de estabilizar os prezos é incrementar a oferta de vivenda”.

A responsable autonómica destacou que a Xunta está a construír “nos solos de propiedade autonómica, pero tamén o fará en terreos cedidos polos concellos”, e que seguirá “apoiando a promotores, cooperativas e administracións locais” para que poidan impulsar novos proxectos. “Aquí en Vigo, o Concello comprometeu 27 vivendas; está ben, todo suma. Pero a Xunta construirá en Navia 1.600”, concluíu.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS