jueves, mayo 29, 2025
InicioNewsConcellos +O Concello de Mos nomea aos valedores da Festa da Rosa deste...

O Concello de Mos nomea aos valedores da Festa da Rosa deste ano

O Concello de Mos aprobou no pleno celebrado este luns no Pazo de Mos o nomeamento dos Valedores da Festa da Rosa 2025. Nesta 52º edición da festa, Evento de Interese Turístico de Galicia, ás persoas elixidas imporáselles o 13 de xuño a insignia da Rosa de Mos e asinarán o Libro de Honra da Rosa, así como farán o xuramento de fidelidade á Rosa, adquirindo os 10 compromisos rexistrados no Decálogo da Valeduría da Rosa de Mos. 

Quen é o valedor da Festa da Rosa en Mos 2025?

Deste xeito, os Valedores da Rosa deste ano serán a Asociación Galega de Residentes de Mos en Bos Aires; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González; o expresidente do Real Club Celta Manuel Carlos Mouriño Atanes; a exministra Ana María Pastor; o director de La Vuelta a España, Javier Guillén; e o cineasta Daniel Sánchez Arévalo. Ademais, este ano créase por vez primeira a figura da Valedora da Rosiña de Mos, que recae por vez primeira na deportista Martina Sande Martíns

“Todas estas persoas son merecedoras da Valeduría da Rosa de Mos”, indicou a alcaldesa Nidia Arévalo. “Intentamos enxalzar o máis posible a Festa da Rosa e todas as propostas son meritorias de que o Concello de Mos lle faga un recoñecemento”, engadiu. “O próximo domingo é 1 de xuño e arranca o noso mes, e creo que vai a ser un ano especial, como todos, porque o que tratamos é que cada vez a festa teña máis sorpresas, máis atractivos, máis xente ilusionada e máis xente participando, e coa inestimable colaboración, por suposto, da Xunta de Galicia, sen a que non sería posible facer as festas que estamos a organizar”, precisou a rexedora.

Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires

En Mos considérase á Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires como a undécima parroquia mosense situada ao outro lado do Atlántico, «que fai unha incansable e incesante labor para preservar a historia e cultura de Mos e de Galicia dende hai máis dun século». Este ano, a Asociación de Residentes de Mos cumpre 107 anos de historia. En 2010 recibiu a Medalla ó Mérito Cultural do Concello de Mos e foi a encargada de dar o Pregón da Festa da Rosa nese mesmo ano. Pola súa banda, o Concello de Mos nomeou en 2017 Fillo Predilecto de Mos a José Leirós Pereira, que durante 17 anos foi presidente da devandita asociación.

Román Rodríguez

Pola súa parte, Román Rodríguez «demostrou desde sempre a súa implicación directa con Mos e coa cultura do municipio». Desde o seu posto na Xunta, «apoiou proxectos culturais de relevancia para Mos e para as diferentes asociacións locais, e segue a facelo dende o ámbito da educación, defendendo os intereses dos escolares de Mos, dos equipos directivos e educativos dos centros, así como das familias; sempre con responsabilidade e respecto por una educación excelente».

Manuel Carlos Mouriño Atanes

No tocante a Manuel Carlos Mouriño Atanes, presidente do grupo corporativo GES e presidente do Real Club Celta desde o 2006 ata o 2023, liderou a «construción dunha nova Cidade Deportiva para o club e deulle luz a un proxecto como a cidade deportiva Afouteza en Mos; que suporá un grande impacto social, deportivo e económico para o noso municipio, xerando emprego, atraendo inversión e situando o nome de Mos a nivel internacional. Por iso o que o une a Mos é máis ca un sentimento, é un feito».

Ana María Pastor

Ana María Pastor, que fora presidenta do Congreso dos Deputados e tamén ministra de Sanidade e de Fomento, «apoiou sempre dende o seu posto no Goberno central os proxectos estratéxicos para o desenvolvemento do municipio, defendendo os intereses locais con responsabilidade e respecto institucional».

Javier Guillén

Javier Guillén aposta por Mos por terceira vez para unha etapa no municipio, «fito histórico que acolle un dos deportes de máis alto nivel». Deste xeito, Mos será chegada da etapa 16 da edición 80 de La Vuelta, que terá lugar en setembro, coa etapa Poio > Mos, que se celebrará o martes 9 de setembro. O Concello de Mos estalle inmensamente agradecido a Javier Guillén por ser valedor de Mos, nesta fazaña deportiva que volve a situar a Mos no mapa e a convertelo xa, indiscutiblemente, en emblema nacional do ciclismo.

Daniel Sánchez Arévalo

Finalmente, guionista, director de cinema e novelista español Daniel Sánchez Arévalo será nomeado tamén Valedor da Rosa polo seu vínculo especial co Concello de Mos grazas á súa nova película “Rondallas”, rodada en diferentes localizacións de Pontevedra, sendo O Pazo de Mos un dos lugares elixidos para a rodaxe, onde teñen grande protagonismo os rondalleiros e rondalleiras mosenses.

Valedora da Rosiña 2025

Unha das novidades deste ano é a Valedora da Rosiña, que será a deportista Martina Sande Martíns, que compite a nivel nacional co Club Tenis de Mesa Mos (CTM MOS), sendo a muller máis nova na categoría de cadeira de rodas. Nestes tres anos e medio alcanzou importantes logros, como o de campioa estatal, sendo a primeira muller na historia en conseguir este título en España 2024.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS