jueves, mayo 22, 2025
InicioNewsConcellos +Un libro e tres xogadores de primeira división farán historia en Ponteareas

Un libro e tres xogadores de primeira división farán historia en Ponteareas

O Concello de Ponteareas vivirá mañá xoves día 22 un momento histórico. E é que, segundo explica a administración loca, «por vez primeira na historia do fútbol da vila os seus tres xogadores de primeira división compartirán escenario». Trátase do actual xogador do Celta de Vigo, Damián Rodríguez; o primeiro ponteareán en xogar en primeira división, Suso Martínez e Rafael Rodríguez ex xogador do Sevilla Fútbol Club participarán nun acto aberto a todos os públicos no auditorio municipal Reveriano Soutullo.

Libro de Rafa Rodríguez

O acto terá lugar as 20:00 horas no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo e coa presenza de xogadores e ex xogadores de clubs de primeira división, adestradores, representantes, federacións deportivas de Galicia, clubs deportivos locais e público en xeral viviranse reencontros arredor da presentación do libro de Rafa Rodríguez “Futbolista pobre, futbolista rico”.

No acto, conducido polo comunicador ponteareán, Terio Carrera, Rafa Rodríguez reflexionará sobre algúns dos contidos do seu libro no que «repasa as claves do éxito, pero non só o deportivo, tamén o persoal e o empresarial«, segundo explica o Concello.

Influído polas súas orixes, «Rafita confésase apaixoado do fútbol e do cine. Fillo do gañador de La Vuelta a España no ano 1950, Emilio Rodríguez, e sobriño do primeiro ponteareán en gañar La Vuelta, Delio Rodríguez, Rafa Rodríguez non tiña claro na súa adolescencia se adicarse a pedalear ou a meter goles, e sobre isto reflexionaba nos seus adestramentos seguindo a roda do terceiro ponteareán en gañar La Vuelta, Álvaro Pino».

No acto do xoves, público e profesionais rememorarán os fitos históricos do fútbol e do ciclismo que, á vez, son tamén parte da vida das veciñas e veciños de Ponteareas.

Futbolista pobre, furbolista rico

Explica Rafa Rodríguez que «a vida dun futbolista de primeira división no é doada, acostumado a estar guiado e guionizado dende a adolescencia debe enfrontarse ao mundo real unha vez remata a súa vida como deportista de elite» e «é aí cando con trinta ou trinta e pico anos tes que comezar a tomar decisións sobre como dirixir a túa vida. E tes que facelo nun momento no que todos os do teu arredor xa teñen un plan de vida”.

Relata Rafita que con frecuencia «os futbolistas teñen que comezar unha nova vida arredor dos 30 anos e non sempre están preparados para porque en realidade non é algo que haia que porse a preparar nese momento, é algo que hai que ir fraguando dende o primeiro día que entras nun club. Cultivar as relacións, formarse, ter un plan B, en definitiva saber xestionar o teu tempo, os cartos e os contactos”.

Claves para unha transición exitosa, consellos prácticos para postfutbolistas, ser creativos, contar con bos axentes, crear bos hábitos dende o principio, principios, equilibrio entre paixón e razón e unha transición do deporte á vida cotidiá son algúns dos temas sobre os que se recrea o libro “Futbolista pobre, futbolista rico”.

O Concello de Ponteareas define o libro como «un contedor de experiencia, de vivenzas e de grandes xogadas que conta co prólogo de Ramón Rodríguez “Monchi”, un dos directores deportivos máis exitoso e recoñecido do fútbol mundial e cun epílogo de Luis de la Fuente, seleccionador da Selección Española de Fútbol«. Con ámbolos dous Rafita cadrou nos seus inicios forxando unha amizade que os acompañaría ao longo destes trinta anos de vida adicada ao fútbol.

A alcaldesa Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Carrera, convidan a todo o público a participar nesta presentación cargada de relatos persoais dos que aprender. Esta actividade estará aberta a todos os públicos, en especial aos clubs deportivos e as familias das súas canteiras porque según explica Rafita “esa disciplina que nos inculcan dende o deporte base e eses principios e valores deben prevalecer ao longo de toda a traxectoria vital e deportiva das e dos xogadores para acadar o éxito”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS