O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso, para o financiamento do proxecto de mellora da accesibilidade, acondicionamento e ampliación das instalacións deportivas municipais da área da Caíña, na parroquia de Tortoreos. Un acordo asinado no marco do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Alfonso selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega o 100% do orzamento, 575.000 euros, dos cales 488.750 euros proceden dos fondos do Plan Extra e 86.250 euros dos recursos do Plan +Provincia.
En que consisten as obras da Caíña?
O proxecto inclúe a ampliación do edificio de vestiarios mediante a construción dunha nova planta e a súa integración co resto do complexo; así como a mellora da accesibilidade universal cun itinerario adaptado entre a cantina e os vestiarios reservando un espazo para un futuro ascensor. Prevese tamén a reurbanización do complexo coa renovación dos peches deteriorados, pavimentos, e intervención paisaxística. Do mesmo xeito, Instalaranse sistemas eficientes para acadar un consumo enerxético case nulo, incluíndo iluminación LED, calefacción e auga quente mediante aerotermia e sistemas de ventilación con recuperación de calor. Finalmente, está prevista a incorporación dun programa dixital para a reserva das instalacións, así como para ofrecer información e comunicación mediante un videomarcador.
Máis colaboración insitutcional
O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,2 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.