O Concello de Salvaterra de Miño traballa en dous proxectos de mellora e renovación dos seus parques infantís. Por unha banda, a zona de xogos situada a carón da casa consistorial, e por outro lado o parque de A Canuda, así como a súa área deportiva.
En total, o Concello invirtirá 400.000 euros, que serán aportados polo Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. As obras atópanse en licitación na plataforma de Contratación do Estado.
En concreto, máis de 250.000 euros serán empregados para a humanización e mellora do parque infantil ubicado ao lado do Concello e consistirá na adaptación e mellora da infraestrutura existente.
Dende o goberno local aseguran que con esta intervención «xerarase un espazo novo, moderno e adaptado para os cativos do municipio» e ademais «incluirá a instalación dunha pista polideportiva e novos xogos«. A maiores, tamén se cambiará o peche perimetral e o acceso ao mesmo.
Por outra banda, máis de 150.000 euros serán destinados á mellora do parque infantil e a área deportiva da Canuda. A actuación consistirá en retirar e reparar os elementos existentes, substituír os equipamentos obsoletos ou deteriorados así como realizar traballos de pintura nos elementos de xogo.