O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, adiantou, esta mañá en Santiago de Compostela, que o reforzo da Policía Autonómica de Galicia “está preto”. “Hai vontade de cooperación e de colaboración. Estamos preto de asinar un convenio sobre a policía adscrita e realizar un concurso específico”, concretou.
En declaracións aos medios despois de participar na inauguración da reunión de Ameripol –a Europol americana–, en Santiago de Compostela, o ministro lembrou que, se son capaces de facer ese convenio é porque nos últimos catro anos recuperaron “450 efectivos dos 500 que se perderon durante os gobernos do PP en España durante sete anos”.
“Se seguise gobernando o PP nos últimos catro anos, desde logo teriamos menos axentes e menos efectivos e sería imposible abordar a actualización dos efectivos da unidade adscrita”, manifestou.
Cuestionado sobre se co novo convenio se alcanzaría o 90% do persoal –agora mesmo, segundo a Xunta, atópase no 73%–, Marlaska limitouse a responder que chegarán “ao que sexa necesario”. Así, volveu a insistir en que o Goberno de Pedro Sánchez “recuperou 450 dos 500 policías que se perderon”.

