O Concello de Ponteareas sacou oficialmente a licitación as obras do novo Parque Público de A Feira Vella. A actuación conta cun orzamento de 263.699,99 euros para acometer a remodelación integral dun dos espazos públicos máis emblemáticos da vila. O proxecto leva a sinatura do doutor enxeñeiro e paisaxista Pedro Calaza Martínez. O anuncio de licitación foi publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata as 23:59 horas do vindeiro 31 de agosto.
A actuación permitirá transformar a Feira Vella nun parque urbano renovado, máis verde, accesible, sostible e pensado para o uso diario da cidadanía, recuperando ao mesmo tempo a identidade dun lugar que historicamente acolleu a feira de gando e outros usos tradicionais de Ponteareas. O proxecto parte precisamente dese valor histórico e propón recuperar a esencia deste espazo adaptándoo ás necesidades actuais do municipio.
A concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández, puxo de manifesto que este proxecto supón un “novo paso na transformación de Ponteareas, xa que a Feira Vella vaise converter nun gran parque urbano, máis verde, máis accesible e con máis posibilidades para o encontro, o paseo, o lecer e a convivencia de persoas de todas as idades”.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro, asegurou que “non se trata simplemente de reformar un parque, senón que se quere crear o pulmón verde no corazón de Ponteareas, que tanto se necesita recuperando para a cidadanía un espazo histórico da nosa vila, pero adaptado ao século XXI e devolvéndollo aos veciños completamente renovado”.
Castro incidiu en que esta actuación “completa unha transformación moi importante desta zona da vila”, coa nova escola infantil, a apertura do novo Mercado Municipal Mercatea e agora coa recuperación e ampliación da Feira Vella como gran espazo verde público. “Estamos a construír unha Ponteareas máis amable, máis verde e con espazos públicos de maior calidade para vivir e desfrutar”, apuntillou a alcaldesa.
Cuestións técnicas
A intervención abarca o actual Parque da Feira Vella e o ámbito liberado pola anterior escola infantil municipal, despois da construción da nova escola infantil municipal. Esta circunstancia permite ampliar a superficie destinada a zona verde e incrementar a cobertura arbórea urbana, integrando os diferentes ámbitos nun único espazo público.
O proxecto contempla unha renovación integral dos pavimentos e dos percorridos peonís, movementos de terras, novos espazos de estancia, melloras de accesibilidade e seguridade, renovación das instalacións de rega e incorporación de novo mobiliario e equipamento. A actuación esténdese tamén ás beirarrúas e a parte das zonas de aparcamento das rúas Castañal e Carballos, favorecendo unha mellor integración do parque coa súa contorna urbana.
Un dos elementos centrais será a renaturalización da Feira Vella. Conservarase e poñerá en valor o arboredo existente e incorporaranse novas especies arbóreas, arbustivas e herbáceas. O proxecto prevé tamén mellorar o chan e incrementar as superficies permeables, empregando solucións orientadas a favorecer a biodiversidade, os servizos ecosistémicos e a sustentabilidade do parque. A transformación pretende ademais potenciar o carácter multifuncional da Feira Vella como lugar para pasear, descansar, xogar, desenvolver actividades culturais e favorecer o encontro e a convivencia, mantendo e reforzando a súa vinculación histórica cos usos sociais e festivos da vila. A proposta paisaxística recolleita no proxecto combina zonas arboredos e axardinadas, percorridos peonís, áreas abertas e espazos destinados á estancia e ás actividades cidadás.

