A Caniza celebrará este 15 de agosto o XI Concurso de Cortadores de Xamón A Caniza 2026, incluído na programación dos actos da LX Festa-Feira do Xamón. A cita comezará ás 11:00 horas na Carballeira do Cacharado e ten como obxectivo recoñecer ao participante que demostre unha maior habilidade, estilo e creatividade no corte de xamón.
O concurso está organizado polo Concello de A Caniza e a Asociación de Cortadores de Xamón de Galicia, coordinado e dirixido polos cortadores profesionais Víctor Burgos ( experto xamoneiro local) e Juan Antonio Barbero Peral. No certame, poderán participar cortadores profesionais do sector, veciños e persoas interesadas, co prazo de inscrición aberto ata o 13 de agosto ás 23:59 horas.
Cada participante disporá dun xamón de características similares e contará con dúas horas para completar o traballo. Será obrigatorio cortar e presentar en prato toda a peza, sen permitir a elaboración de tacos.
O xurado, formado por persoas relacionadas profesionalmente co corte de xamón, valorará diferentes aspectos técnicos e artísticos, entre eles a limpeza, pelado e perfilado da peza, o estilo e profesionalidade do cortador, a rectitude do corte, o emplatado, a calidade da loncha e a orde e limpeza da zona de traballo. Tamén se terá en conta a precisión nos pratos de 100 gramos, a cantidade de pratos obtidos, o remate e apurado da peza e o seu rendemento.
Ademais, cada concursante deberá presentar tres pratos de presentación —maza, babilla e punta—, compostos exclusivamente por xamón e touciño, así como un prato creativo, no que se poderán incorporar outros elementos sempre que non precisen preparación culinaria.
Premios e recoñecementos
O primeiro clasificado recibirá 600 euros, trofeo e diploma, ademais de difusión nos medios nacionais por parte do Concello. O segundo obterá 400 euros e o terceiro 200 euros, cos mesmos recoñecementos.
O concurso contará tamén cun premio de 200 euros ao mellor prato creativo e outro de 200 euros, correspondente ao Premio Especial Xamón A Caniza 2026, destinado ao primeiro clasificado ou clasificada afincado en Galicia.
Do cuarto ao último clasificado, os participantes recibirán igualmente diploma acreditativo e difusión nos medios nacionais de prensa por parte do Concello, garantindo así o recoñecemento a todos os concursantes.
As bases do concurso poden consultarse a través desta ligazón.

