HomeNewsActualidadeO Porriño colabora coa Federación Venezolana en Galicia no envío de axuda...

O Porriño colabora coa Federación Venezolana en Galicia no envío de axuda a Venezuela

“Máis dun mes despois do terremoto, Venezuela segue a precisar axuda urxente e o Concello do Porriño quere sumarse de xeito activo á iniciativa organizada pola Federación Venezolana en Galicia (FEVEGA)” aseguraba o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. “A emerxencia orixinou un elevado número de persoas afectadas e agravou a falla de recursos básicos no país, que persiste aínda pese a que o foco informativo non estea sobre elo”.

Por este motivo, dende o Concello do Porriño, fan un chamamento prioritario á colaboración económica, “xa que as doazóns en cartos permiten adquirir de xeito directo e áxil todo tipo de produtos e subministros de primeira necesidade segundo a demanda real sobre o terreo”.

Co lema “Cada medicamento, cada insumo y cada aporte cuentan”, a campaña levada a cabo por FEVEGA desde Galicia en coordinación coa Hermandad Gallega en Venezuela ten como obxectivo recadar fondos tanto para a compra de material esencial como para financiar o transporte da axuda, que supón un custo de 11 euros por cada quilo de mercancía.

Nunha xuntanza de traballo mantida entre o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Inmigación, Vanessa Ucha e o presidente de FEVEGA, Manuel Pérez —na que tamén participou por videoconferencia o presidente da Hermandad Gallega en Venezuela, Alberto Bello—, o rexedor comprometeuse a financiar o envío de  axuda e a poñer en marcha unha campaña de visibilización tamén coa organización dunha gala solidaria para facilitar que calquera veciño ou veciña poida achegar a súa doazón económica.

O rexedor porriñés, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia de manter o apoio nestes momentos tan difíciles. “É fundamental actuar agora porque, aínda que o terremoto xa non abra os informativos nin estea na primeira liña dos medios de comunicación, os seus efectos seguen sendo devastadores e a poboación precisará dunha axuda sostida no tempo”, concluíu o alcalde.

A Federación ten activo xa un número de conta: ES21 0049 0170 5829 1030 7885. O concepto da transferencia debe ser “ayuda humanitaria venezuela 2026”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS