O Goberno central introduciu cambios a través do real decreto contra inundacións para modificar os criterios de deslinde na costa, co obxectivo de facer máis flexible a ampliación cara ao interior do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) e asumir a titularidade deses terreos e bens. Tal e como informou a Xunta de Galicia nun comunicado, esta modificación chegou sen figurar no primeiro borrador de marzo e supón un movemento que “podería abarcar zonas urbanas hoxe consolidadas”, criticando que o proceso se fixese de forma “unilateral” sen ter en conta as características singulares da costa galega.
A revisión normativa, que xa fora intentada en 2022 e anulada despois polo Tribunal Supremo por un defecto de forma, busca agora axustarse á lexislación europea limitando as concesións a un máximo de 75 anos e impoñendo o concurso público. Con todo, o novo texto engade cambios cruciais na liña divisoria entre o mar e a terra.
Novos criterios e impacto en Galicia
Os cambios introducidos polo Executivo estatal céntranse en dous aspectos clave para gañar terreo cara ao interior. Por unha banda, o DPMT poderá estenderse ata o nivel máximo que alcance unha soa ola, eliminando o criterio anterior que esixía que ese alcance se repetise polo menos cinco veces nun lustro. Por outra banda, a normativa pasará a incluír dentro do dominio público case calquera duna, estean ou non fixadas por vexetación, cando antes se mantiñan fóra as estabilizadas ou as ocupadas maioritariamente por arbustos e árbores.
Ante esta situación, a Xunta advirte que os terreos que pasen a depender do dominio público pasarán a ser inalienables, imprescriptibles e inembargables, o que traerá limitacións severas para usos residenciais, turísticos ou industriais. O goberno autonómico lembra que, polas características das rías galegas, os temporais penetran máis cara ao interior e a aplicación deste criterio de máximos extremos podería tensionar o tecido urbano tradicional, ademais de dificultar a xestión de espazos portuarios, lonxas, almacéns e accesos.

