O BNG de Salvaterra vén de reclamar ao Concello que “dea os pasos necesarios” para habilitar unha praia fluvial e novos espazos de esparexemento na marxe do río Miño. A voceira nacionalista Patricia Mariño fai esta petición ao goberno de Marta Valcárcel para que “aproveite os grandes recursos naturais do municipio e poña fin á situación actual, na que Salvaterra carece de calquera espazo natural acondicionado para o baño e o lecer a pesar de ser un dos concellos ribeiregos con maiores posibilidades para facelo”.
A portavoz considera “incomprensible que un municipio cunha relación tan estreita co Miño non conte cunha praia fluvial nin con espazos públicos acondicionados para a veciñanza e as persoas visitantes mentres outros concellos da contorna levan anos facéndoo”.
Dende o partido nacionalista aseguran que o río é un dos maiores patrimonios da vila e remarcan que debería ser un espazo de convivencia, de lecer e de dinamización económica. Por outra banda, Mariño lembrou que o Concello leva anos consignado nos orzamentos partidas destinadas ao acondicionamento das marxes do río que “despois quedan sistemáticamente sen executar”.
.

