HomeNewsComarcasO Estourazo homenaxea ás charangas salcedenses

O Estourazo homenaxea ás charangas salcedenses

As charangas “SGHAE” e “Nova jomada” serán este ano as protagonistas do tradicional estourazo que marca o inicio das festas do Cristo en Salceda. Estas dúas formacións nacen no seo da Asociación de amigos e amigas da música de Salceda, entre compoñentes da banda cultural, e este ano cumpren quince e dez anos respectivamente. Con tal motivo, as dúas charangas subirán ao balcón da Casa da cultura Castelao este sábado, 18 de xullo, ás 22.00 para disparar o estourazo.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, quixo felicitar ás dúas agrupacións nos seus aniversarios, lembrando que “a banda de Salceda e a escola de música foron dende sempre berce de grandes profesionais, e as charangas da nosa vila son unha boa mostra. Esta é unha homenaxe máis que merecida a quen se encarga de animar as nosas festas ano tras ano, polo que só me queda darlles os meus máis sinceros parabéns”.

A charanga “SGHAE” nace no ano 2011, actuando por toda Galicia e norte de Portugal cun repertorio variado que mestura música tradicional, popular e os grandes éxitos actuais. Pola súa banda, “Nova jomada” nace no verán de 2016 formada por un grupo de rapaces que naquel entón tiñan entre 13 e 17 anos. O que comezou como unha ilusión compartida entre amigos acabou por converterse, co paso dos anos, nun proxecto musical consolidado.

O Estourazo naceu en Salceda no ano 2010 e por el levan pasado diferentes colectivos sociais, educativos, deportivos ou culturais entre outros. Nas horas previas, como xa ven sendo tradición, a Agrupación Gaiteira de Salceda volverá percorrer as rúas da vila na súa cita anual, aglutinando arredor de 90 persoas baixo o lazo de unión da música tradicional.

Alex Rodríguez, concelleiro de Cultura e Festexos asegura que “este evento, ao igual que moitos outros, non sería posible sen o traballo de Protección Civil, Policía Local e cantas persoas colaboran para que as nosas festas transcorran sen incidentes cada ano, polo que queremos trasladarlles o noso máis sincero agradecemento”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS