HomeNewsActualidadeAlumnado de infantil de Ponteareas inaugura o programa "Contos polo Clima" na...

Alumnado de infantil de Ponteareas inaugura o programa “Contos polo Clima” na vila

O alumnado de educación infantil do CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera foi protagonista do lanzamento en Ponteareas do programa ‘Contos polo Clima’, unha iniciativa educativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no marco do programa ‘Mocidade polo Clima’.

A actividade contou coa participación do conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias; o director xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Ignacio Maestro; a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o concelleiro de Ensino, Ricardo González, e o director do centro educativo, Santiago López. En total, participaron 84 alumnos e alumnas dos seis cursos de educación infantil, xunto co profesorado.

Durante a xornada presentouse a acción ‘Contos polo Clima’ e os materiais que compoñen os lotes didácticos, dos que se fixo entrega aos seis cursos de educación infantil do centro. A proposta comezou cunha presentación da actividade e a lectura dun fragmento do conto ‘O noso clima’, que permitiu introducir os contidos e achegar ao alumnado a temática do cambio climático a través da narración. A continuación desenvolvéronse diferentes actividades relacionadas coa historia e, entre elas, os nenos e nenas realizaron unha observación do tempo atmosférico desde o interior da aula, conectando os conceptos traballados coa realidade do seu contorno máis próximo.

O concelleiro de Educación, Ricardo González, puxo en valor a importancia de achegar a educación ambiental ás aulas desde as primeiras etapas educativas: “A infancia é un momento fundamental para adquirir coñecementos, hábitos e valores que nos acompañarán ao longo da vida. A través dos contos e das actividades prácticas, os nenos e nenas poden comprender mellor o seu contorno, achegarse ao cambio climático e descubrir que tamén poden contribuír a coidar o planeta”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, agradeceu a posta en marcha deste tipo de propostas nos centros educativos e destacou o papel da comunidade escolar na sensibilización ambiental. “É fundamental que as novas xeracións medren coñecendo a importancia de protexer o medio natural e comprendendo os retos ambientais aos que nos enfrontamos. Iniciativas como ‘Contos polo Clima’ permiten traballar estes valores dunha maneira próxima, participativa e adaptada á súa idade, facendo da educación unha ferramenta esencial para construír un futuro máis sostible”, afirmou.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS