Os drons da Policía Local de Vigo consolidáronse como a ferramenta clave do Concello para a vixilancia forestal durante a campaña de alto risco de incendios. O alcalde, Abel Caballero, confirmou este luns que estes dispositivos teñen autonomía suficiente para chegar non só a toda a masa forestal viguesa, senón tamén a zonas dos municipios veciños de Baiona, Nigrán e Redondela.
Tal e como explicou o rexedor, o dispositivo mantense operativo de xeito permanente. Con todo, a vixilancia reforzase nas xornadas de altas temperaturas ou cando existe un risco elevado de lume. O sistema conecta directamente á Policía Local cos bombeiros para asegurar unha resposta inmediata cada vez que se detecta fume ou calquera outro sinal de alerta nas zonas de monte.
Axentes especializados
O Concello de Vigo mantén un programa de formación específica para que os axentes da Policía Local poidan manexar estes drons con precisión, garantindo as tarefas de vixilancia e seguridade.
Ademais da prevención de incendios, estes dispositivos xa se empregan noutros servizos municipais. Entre as actuacións máis recentes, Caballero destacou a súa utilidade na procura de persoas desaparecidas —como o caso da veciña do Calvario da pasada semana—, a supervisión de grandes eventos como os concertos de Castrelos e o apoio na regulación e control do tráfico na cidade.

