HomeNewsActualidadeTarde de accidentes no sur de Pontevedra: un ferido grave en Oia...

Tarde de accidentes no sur de Pontevedra: un ferido grave en Oia e outros dous sinistros en Gondomar e Soutomaior

O caso máis serio produciuse na PO-552, onde un motorista tivo que ser evacuado en helicóptero tras un choque frontolateral

O sur da provincia de Pontevedra rexistrou unha tarde de luns complicada nas estradas, con tres accidentes de tráfico que se produciron nun intervalo de apenas unha hora e deixaron polo menos dous feridos. O suceso de maior gravidade ocorreu na parroquia de Mougás, en Oia, nun dos puntos máis críticos da rede viaria costeira, a PO-552.

Segundo informou o 112 Galicia, ás 17:16 horas recibiuse o aviso dun choque frontolateral entre un turismo e unha motocicleta no punto quilométrico 29. A colisión deixou ferido grave ao motorista, que requiriu asistencia sanitaria de urxencia e o seu posterior traslado ao hospital a bordo do helicóptero do 061 con base en Ourense. O condutor do coche resultou ileso.

Salida de vía en Arcade e choque en Vincios

Apenas unha hora despois do primeiro aviso, o 112 coordinou a atención noutros dous puntos da xeografía pontevedresa:

  • Arcade (Soutomaior): Ás 18:02 horas, un condutor sufriu unha saída de vía na N-550, nas proximidades da estación de tren, impactando o seu vehículo contra un galpón. O home, que explicou que sufriu unha indisposición —posiblemente unha baixada de tensión—, resultou ferido, aínda que o seu estado non reviste gravidade.
  • Vincios (Gondomar): Ás 18:15 horas, dous turismos víronse implicados nun choque por alcance na autovía AG-57, que conecta o Val Miñor con Vigo. Un dos ocupantes resultou ferido leve. O sinistro obrigou a cortar un carril da vía ao quedar un dos coches atravesado na calzada.

Falsa alarma nun iPhone

O dispositivo de emerxencias completouse cunha falsa alarma tamén na PO-552, á altura de Oia. Ás 18:09 horas, o centro de atención recibiu unha alerta automática dun posible accidente con feridos nas inmediacións do mosteiro de Santa María.

Non obstante, efectivos da Garda Civil de Tráfico desprazados ao lugar confirmaron que se trataba dun erro provocado pola tecnoloxía de detección de impactos dun teléfono móvil (iPhone). Tras comprobar a zona, os axentes corroboraron que non houbera ningún sinistro, polo que a alerta foi descartada.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS