HomeNewsActualidadeUnha vintena de colectivos do Val Miñor únense para esixir un transporte...

Unha vintena de colectivos do Val Miñor únense para esixir un transporte digno

Veciños e ANPAs convocan unha asemblea este venres en Gondomar para programar mobilizacións ante o empeoramento constante do servizo de autobuses

A paciencia dos usuarios do transporte público no Val Miñor e o Baixo Miño esgotouse. Unha vintena de entidades, encabezadas pola Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG), a Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos (PGVS), a Plataforma Transporte Público Digno Val Miñor e a Federación de ANPAs (Favalmi), convocaron unha asemblea aberta para este venres ás 20:15 horas no CDL de Gondomar. O obxectivo é claro: analizar a situación e acordar un calendario de mobilizacións ante o “deterioro” dun servizo que consideran insostible.

As queixas dos usuarios son constantes e van dende o incumprimento sistemático de horarios ata pasaxeiros que quedan en terra por falta de prazas, afectando directamente a asistencia a citas médicas, centros educativos e postos de traballo. A precariedade laboral do persoal da concesionaria, Lugove, engade máis presión a un servizo xa de por si tensionado.

Un futuro incerto

A situación administrativa é complexa. Aínda que a Xunta de Galicia anulou o contrato con Lugove o pasado mes de outubro —cinco anos antes do previsto pola presión social—, a empresa segue prestando o servizo provisionalmente ata que se resolva un novo concurso.

Segundo explicou Manuela Rodríguez, voceira da AVTG, tras reunirse con técnicos da Dirección Xeral de Mobilidade, o proceso para oficializar o novo contrato estenderase, como mínimo, un ano máis. O anteproxecto dos novos pregos aínda está en fase de redacción e, posteriormente, deberá pasar polo período de exposición pública e ratificación.

Esixencia de responsabilidades

Mentres non se formalice a nova concesión, os colectivos son contundentes: a Xunta é a responsable directa de garantir o servizo. Na reunión en Vigo, os veciños reclamaron que a Administración galega obrigue á actual concesionaria a cumprir estritamente as condicións asinadas para evitar que os usuarios continúen sufrindo as carencias actuais.

De cara ao futuro contrato, as plataformas reclaman un plan de melloras que inclúa un aumento significativo das frecuencias, medidas reais de seguridade para o transporte escolar e unha solución definitiva para as demandas laborais dos traballadores.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS