O Concello de Arbo vén de confirmar a recepción dunha achega económica destinada á execución da obra de ampliación e apertura do novo vial que conectará a rúa Miguel Dávila coa estrada autonómica PO-400. Concretamente, a actuación levarase a cabo no punto quilométrico 18+430.
O proxecto, que conta cun orzamento total de execución de 551.920,07 € (IVE incluído), dotará á zona de todos os servizos públicos necesarios, incluíndo o pavimentado e o alumbrado público, co obxectivo de “consolidar este espazo como un nodo estratéxico de servizos dentro do solo urbano de Arbo”.
“A nova infraestrutura non só mellorará o tráfico rodado”, senón que “busca potenciar unha urbanización inclusiva e sostible” asegura o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
O rexedor amosou a súa satisfacción polo impulso definitivo a esta obra e asegurou que se trata “dunha aposta decidida polo futuro de Arbo”. “Coa apertura deste vial, estamos a crear as condicións necesarias para que o noso núcleo urbano medre de xeito ordenado, facilitando que novas familias se asenten en Arbo ao ofrecerlles parcelas dotadas de todas as infraestruturas modernas.”
O proxecto alíñase coas Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, buscando un modelo de “distribución de centralidades”. Ao concentrar no núcleo principal as dotacións administrativas, docentes, sanitarias e culturais, o Concello de Arbo optimiza a rentabilidade social dos recursos e garante unha mobilidade máis sostible, reducindo distancias e facilitando o uso do transporte público.

