O expresidente José Luis Rodríguez Zapatero compareceu este mércores ante o xuíz da Audiencia Nacional, José Luis Calama, na súa condición de investigado no caso Plus Ultra. Durante máis de dúas horas, Zapatero mantivo unha postura de negación sistemática ante as sospeitas do maxistrado sobre o seu papel na consultora Análisis Relevante e a súa relación con empresas que se beneficiaron de axudas públicas.
“Non exercín absolutamente ningunha influencia no rescate de Plus Ultra e toda a miña actividade profesional foi conforme á legalidade”, declarou o expresidente antes de comezar o interrogatorio. Zapatero, que só respondeu ao xuíz e ao seu avogado, insistiu en que a súa labor se limitaba a informes de geoestratexia e xeopolítica, negando calquera mediación ante o Goberno, a SEPI ou outros organismos públicos.
O choque polos pagos e a falta de contratos
Un dos momentos máis tensos produciuse cando o xuíz Calama cuestionou a falta de trazabilidade formal nos seus ingresos. Zapatero admitiu que non existían contratos escritos cos seus clientes, baseando a súa relación profesional na “confianza”. Ante a explicación do expresidente sobre a natureza xeral dos seus informes, o xuíz foi crítico: “Me está dicindo que son unha especie de urbi et orbi para quen o queira ver e pagar”.
Cando o maxistrado apuntou directamente aos fluxos económicos que remataban nas contas de Zapatero e da empresa das súas fillas (Whathefav), advertiu: “O dato mata o relato; quen cobra é vostede”. O expresidente defendeuse reiterando que el era o consultor que realizaba a “actividade fundamental”.
Negativa sobre Venezuela e sociedades no estranxeiro
O xuíz Calama tamén confrontou a Zapatero con diversas mensaxes de chat que suxerían a súa implicación en negocios de petróleo ou a xestión de sociedades en Dubái. Zapatero negou coñecer a figuras clave vinculadas á aerolínea Plus Ultra ou ter relación con empresas chinesas, e foi taxativo sobre o seu patrimonio internacional: “Non falei nunca na miña vida con ninguén dunha sociedade offshore nin sei o que é”.
Sobre as súas frecuentes viaxes a Venezuela, asegurou que se centraban en labores humanitarias, mediación por presos e procesos electorais, negando categoricamente calquera tipo de negocio ou a existencia dunha rede de testaferros ao seu servizo.
Ao remate da sesión, Zapatero chegou a ofrecer unha autorización global para que se investigue o seu patrimonio en todo o mundo. O xuíz, pola súa parte, pechou o interrogatorio cun aviso sobre a natureza das estruturas opacas: “A xente que manexa moito diñeiro non está nin nas propiedades das sociedades nin na administración”.

