HomeConcellos +A CañizaA igrexa de Valeixe abre o verán cultural da Caniza cun concerto...

A igrexa de Valeixe abre o verán cultural da Caniza cun concerto de música clásica

O Concello da Caniza vén de presentar, na Igrexa de Santa Cristina de Valeixe, o III Concerto de Música Clásica que correrá a cargo do grupo Ars Bohemia e que comezará o vindeiro sábado 20 de xuño, ás 20:00 horas, nun dos espazos patrimoniais con mellor acústica do municipio.

O alcalde, Luis Piña, presentou esta actuación acompañado polo párroco de Santa Cristina de Valeixe, José María Vázquez, e pola presidenta da Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera, Nieves García-Soto, aos que agradeceu “a súa colaboración e implicación para facer posible este concerto, consolidado xa como unha cita cultural destacada no municipio”.

O concerto contará coa participación do violinista e director Serghei Maximov, da violonchelista Masha Maximov, da pianista e compositora Katerina Linke e da recoñecida soprano galega Beatriz Riobó. Os catro intérpretes atesouran unha ampla traxectoria artística e concertística, combinando experiencia internacional, docencia e participación en destacadas formacións musicais, o que converte a Ars Bohemia nunha das agrupacións camerísticas de referencia no panorama musical galego.

O programa seleccionado para esta edición realizará unha viaxe musical por diferentes épocas e estilos da música clásica, incluíndo obras de compositores tan recoñecidos como Pyotr Tchaikovsky, Benjamin Britten, Franz Schubert, Max Bruch, Enrico Toselli, Pauline Viardot, Tomaso Albinoni, Edward Elgar, Georges Bizet, Charles Gounod e Vincenzo Di Chiara.

Entre as pezas que interpretarán destacan Nocturno en re menorThe Salley GardensStändchen (Serenata)Kol NidreiSalut d’AmourOuvre ton coeur, a habanera Havanaise, a aria de Romeo e Xulieta de Gounod e a canción napolitana La Spagnola.

Segundo asegurou o alcalde durante a presentación, “este III concerto na Igrexa Parroquial dá continuidade á aposta cultural do Concello por achegar a música clásica á veciñanza, consolidando a Igrexa de Santa Cristina de Valeixe como un espazo de referencia para a celebración de recitais e concertos de cámara”. “Tras o éxito das actuacións celebradas en anos anteriores, o Concello volve programar unha proposta musical de calidade nun enclave patrimonial de excepción, onde a riqueza artística e a singular acústica do templo contribúen a crear unha experiencia cultural única”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS