HomeNewsActualidadeLucía Alonso, fotógrafa de Salvaterra, gaña o concurso nacional de fotografía FNAC...

Lucía Alonso, fotógrafa de Salvaterra, gaña o concurso nacional de fotografía FNAC Novos Talentos Portugal

A fotógrafa galega Lucía Alonso Garrido, natural de Salvaterra de Miño e residente actualmente de Lisboa, vén de ser galardoada co primeiro premio do concurso de fotografía Fnac Novos Talentos Portugal, un dos eventos máis prestixiosos do país dedicado a descubrir e promover artistas emerxentes en disciplinas como a fotografía, a literatura, a ilustración, o vídeo, a música e os videoxogos.

A cerimonia de entrega de premios tivo lugar nos xardíns da Torre de Belém en Lisboa, durante unha xornada cultural organizada por Fnac Portugal que incluíu concertos, actividades artísticas e diversos eventos abertos ao público.

Ademais do recoñecemento artístico, o premio inclúe unha dotación en metálico, unha cámara Fujifilm e unha exposición en Narrativa, a recoñecida galería-biblioteca de Lisboa especializada exclusivamente en fotografía contemporánea. A galería está dirixida por Mario Cruz, un dos principais fotógrafos documentais portugueses, gañador de múltiples premios World Press Photo e autor de varios libros publicados internacionalmente.

A obra galardoada, titulada “Eskawata Kayawai”, é unha serie fotográfica creada en 2019 na Amazonia brasileira durante os seis anos que Lucía viviu no Brasil. O proxecto documenta a vida cotiá e o proceso de revitalización cultural da comunidade indíxena Huni Kuin, situada no estado de Acre, na fronteira entre Brasil e Perú.

Segundo explica a artista, “chegar a este remoto territorio amazónico requiriu dous voos, unha viaxe por estrada de sete horas e catro días de navegación nun pequeno barco fluvial”. Durante aproximadamente un mes, a fotógrafa viviu coa comunidade, acompañando aos documentais Lara Jacoski e Patrick Belem, que estaban a rexistrar o proceso de recuperación cultural que está a sufrir este pobo indíxena.

Este momento de renacemento cultural inspira o título do proxecto: “Eskawata Kayawai”, unha expresión da lingua hatxa kuin que se pode traducir como “o espírito da transformación”. As imaxes retratan a vida cotiá da comunidade desde unha perspectiva próxima e participativa, mostrando como os seus habitantes traballan para preservar e fortalecer o seu coñecemento ancestral.

Con este recoñecemento, Lucía Alonso Garrido suma un importante fito internacional a unha carreira desenvolvida entre Galicia, Londres, Brasil e Portugal, consolidando unha liña de traballo centrada na fotografía documental, as cuestións culturais e as historias humanas que exploran a identidade, a memoria e os procesos de cambio social.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS