A Audiencia Provincial de Lugo vén de condear a cinco anos de cárcere por un delito continuado de agresión sexual a un profesor de música do Colexio de Albeiros, na zona norte de Lugo, por realizar tocamentos a unha das súas alumnas, menor de idade.
O tribunal inhabilítao durante 10 anos para exercer calquera profesión, oficio ou actividade que implique o contacto con menores de idade. Ademais, prohíbelle achegarse a vítima ou comunicarse con ela durante dez anos e terá que indemnizala con 3.000 euros por danos morais.
Pola contra, o tribunal non atopou probas de que o profesor abusase doutras catro alumnas do mesmo centro, que tamén presentaron denuncia e cuxas familias exerceron a acusación particular contra el na vista horal. Debido a isto, absólveo de catro delitos continuados de agresión sexual a menores de 16 anos.
O caso foi destapado en maio do 2024, cando varias alumnas denunciaron que o profesor lles realizara tocamentos durante as aulas de música. Nese momento, o docente pasou cinco meses en prisión preventiva.
Ao tempo, o profesor negou os feitos e asegurou que se trataba dunha “fabulación colectiva” por parte das rapazas. Tamén afirmou que “nunca tocara a unha alumna con connotacións sexuais”. A pesar disto, o tribunal considera probado que nun dos casos o acusado realizou “diversos tocamentos” a unha das súas alumnas que provocaron nela “grande incomodidade e rexeitamento a acudir a clase” .
A sala, en cambio, non consiera debidamente acreditado que outras catro menores sufrisen no curso escolar 2023/24 “tocamentos por parte do acusado nin que este despregase sobre as mesmas accións con significación sexual”.
Os maxistrados indican que con iso non queren dicir que as menores “falten á verdade, senón que a proba resulta insuficiente” para condenalo.
A sentenza non é firme, pois aínda é posible interpoñer recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

