HomeNewsActualidadeA Xunta ratifica a Eva López Tarrío como directora do CGAC pese...

A Xunta ratifica a Eva López Tarrío como directora do CGAC pese ao rexeitamento do sector

O Diario Oficial de Galicia publica o nomeamento tras a crise aberta polas dimisións no Consello Asesor e as críticas de destacados profesionais da cultura

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén a súa decisión e oficializou este xoves o nomeamento de Eva López Tarrío como nova directora do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). A designación, que se publica xa no Diario Oficial de Galicia, prodúcese nun momento de alta tensión co sector artístico, que cuestionou tanto o procedemento de selección como o perfil escollido para dirixir unha das institucións culturais máis importantes de Galicia.

O nomeamento chega tras semanas de contestación. Tres dos cinco vocais do Consello Asesor do centro presentaron a súa dimisión tras coñecerse a elección, evidenciando unha fractura entre a Consellería e parte do ámbito cultural. Pola súa banda, aspirantes como Alberto Ruiz de Samaniego e Susana Cendán, vinculados á Universidade de Vigo, tamén expresaron as súas dúbidas sobre o proceso, sumándose a un escrito crítico que xa conta con case un milleiro de sinaturas de profesionais do sector.

O reto de “recompoñer” a relación

Fronte ás protestas, a Xunta apela ao diálogo e presenta a chegada de López Tarrío como o inicio dunha “nova etapa”. Segundo informou o departamento que dirixe José López Campos, o obxectivo principal será a redacción do primeiro Plan Director do CGAC (2026-2030). Este documento, segundo o Goberno galego, elaborarase en contacto permanente con artistas, comisarios e xestores culturais para recoller as súas propostas.

A nova dirección ten como meta consolidar o museo como un centro de referencia no eixe atlántico, apostando pola internacionalización, a proxección dos artistas galegos e a descentralización das actividades do centro.

Aínda que a Consellería defende a traxectoria do museo e a idoneidade da nova responsable, o reto inmediato de López Tarrío será intentar recompoñer a confianza dun sector que reclama maior transparencia e independencia na xestión dunha institución que, o pasado 2025, foi recoñecida como Insignia da cultura galega pola Fundación Contemporánea.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS