O sistema educativo galego contará cun importante impulso para a atención á diversidade. O Consello da Xunta aprobou este luns unha estratexia dotada con 118 millóns de euros que estará vixente ata o 2030, co obxectivo de mellorar o apoio aos alumnos con necesidades especiais. Segundo detallou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a medida principal será a creación de 400 novas prazas de profesorado especialista tanto en primaria como en secundaria.
O reforzo comezará de inmediato, xa de cara ao próximo curso. En secundaria, incorporaranse 200 profesionais de pedagoxía terapéutica, distribuídos en dúas fases de 100 docentes por ano. En primaria, consolidaranse 150 postos na mesma área, sumados ás novas prazas de especialistas en audición e linguaxe. Ademais, en setembro contratarase a medio cento de profesionais para os servizos de orientación.
«Educación á carta» e menos burocracia
Un dos pilares do plan é a garantía da liberdade de elección para as familias. O Goberno galego busca consolidar un modelo que permita aos pais optar libremente pola modalidade de escolarización que mellor se adapte aos seus fillos, xa sexa ordinaria, especial ou combinada.
Para axilizar a atención, a Xunta tamén se compromete a reducir a carga administrativa. Para iso, porase en marcha Edugalia, unha ferramenta en fase de licitación que empregará intelixencia artificial para dixitalizar os trámites. «Isto vai implicar unha mellora na coordinación entre os especialistas, as familias e os centros», apuntou o conselleiro, quen subliñou que o obxectivo é que os docentes dediquen máis tempo á atención directa do alumnado.
Apuntalando a inclusión
Galicia mantén unha das taxas de integración máis elevadas do Estado, cun 94 % dos estudantes con necesidades especiais escolarizados en centros ordinarios. O plan presentado este luns busca afianzar esta realidade garantindo que cada alumno poida desenvolver o seu potencial «coa atención que realmente necesita».
Paralelamente, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou doutra medida de apoio directo: un convenio con 15 entidades sociais para garantir servizos de comedor adaptado. Este acordo, dotado con 300.000 euros, dará cobertura a 585 alumnos galegos con necesidades específicas.
Escoita as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aquí:

