HomeNewsActualidadeO papa León XIV presenta a súa primeira encíclica: un chamamento ético...

O papa León XIV presenta a súa primeira encíclica: un chamamento ético ante a intelixencia artificial

"Magnífica Humanidade" advirte dos riscos da tecnoloxía sen control, desde a deshumanización dos mozos ata a creación de monopolios que amplían a brecha social

O papa León XIV publicou este luns a súa primeira encíclica, titulada Magnífica Humanidade: sobre a salvaguarda da persoa humana na era da intelixencia artificial. Coa mirada posta no 135º aniversario da histórica Rerum Novarum, o pontífice traza un paralelismo entre a revolución industrial do século XIX e a actual transformación tecnolóxica, propoñendo unha “brújula moral” necesaria para non perder a esencia humana.

O documento, estruturado en cinco capítulos, non rexeita a tecnoloxía como tal, senón que a define como un “talento” sempre que estea ao servizo da fraternidade e non da exclusión. “Non é neutra”, subliña o Papa, advertindo que os algoritmos reflicten a vontade de quen os concibe e financia.

Protección para os máis novos e límites éticos

Un dos puntos centrais da encíclica é a desprotección dos menores no entorno dixital. O pontífice pide abertamente intervencións lexislativas que establezan límites de idade para o acceso ás redes sociais. “Debemos protexer aos nosos mozos da promesa da máquina perfecta”, asegura o texto, reclamando que sexan os provedores de servizos os que asuman a responsabilidade e non só as familias.

Ademais, a Santa Sé marca liñas vermellas que a tecnoloxía non debería cruzar:

  • Prohibición total: O Vaticano esixe o veto ás armas autónomas letais.
  • Juízo humano: Ningún algoritmo debería decidir sobre o futuro dunha persoa.
  • Empatía artificial: Pide cautela ante as máquinas deseñadas para simular compañía amorosa ou empatía, xa que carecen dunha “conciencia capaz de discernir o ben”.

Alerta contra o transhumanismo e as desigualdades

O Papa sinala o transhumanismo como unha nova manifestación da soberbia humana, ao intentar vencer a morte e o límite biolóxico mediante a biotecnoloxía. Alerta de que, se este mercado queda en mans privadas, o mundo podería dividirse entre unha elite de “humanos mellorados” e unha maioría natural “marxinada”.

A encíclica tamén arremete contra os novos monopolios da intelixencia artificial, que actúan como “aceleradores” das desigualdades políticas e económicas. Segundo o Pontífice, estamos a vivir un clima onde as fake news e a polarización, amplificadas polos algoritmos, están provocando unha preocupante perda da memoria histórica, dificultando que as novas xeracións aprendan das leccións do pasado.

Fe e ciencia: un diálogo necesario

A pesar das críticas, León XIV defende unha simbiose entre fe e ciencia. Lonxe de adoptar unha postura de medo, a Igrexa propón un discernimento comunitario que inclúa a científicos, filósofos e ás comunidades máis vulnerables. “A fe non pretende frear o progreso, senón ofrecerlle esa luz moral indispensable”, conclúe.

Finalmente, o texto reafirma a defensa tradicional da vida humana fronte aos algoritmos e denuncia como as estruturas tecnolóxicas seguen perpetuando as discriminacións históricas que sofren as mulleres, esixindo que a igualdade de dereitos sexa unha realidade nas leis e no acceso á responsabilidade social.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS