HomeNewsActualidadeNova edición do "Programa Xuntas" en Salvaterra, Salceda e As Neves tras...

Nova edición do “Programa Xuntas” en Salvaterra, Salceda e As Neves tras o éxito das anteriores

Os Concellos de Salceda de Caselas, As Neves e Salvaterra de Miño volverán desenvolver este ano o Programa Xuntas despois de obter unha das puntuacións máis altas de toda Galicia na convocatoria autonómica destinada a proxectos de igualdade e prevención da violencia de xénero. Esa puntuación permitiu obter o 100% do importe solicitado, que ascende a 19.898,45€.

A iniciativa alcanza xa a súa quinta edición e converteuse nunha das experiencias de colaboración municipal máis consolidadas da comarca en materia de igualdade. “O que comezou hai cinco anos como un proxecto compartido entre tres concellos rurais acabou converténdose tamén nunha rede de apoio e acompañamento entre mulleres de distintos pobos e parroquias” aseguran dende as administracións.

O Programa Xuntas está dirixido especialmente a mulleres en situación de vulnerabilidade e aos seus fillos e fillas, prestando atención a vítimas de violencia de xénero, mulleres migrantes, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de precariedade económica ou con especiais dificultades sociais e laborais.

O obxectivo é ofrecer un espazo de apoio, formación e acompañamento que permita ás participantes afrontar con máis ferramentas e seguridade situacións persoais, familiares ou laborais complexas, reforzando ademais a súa autonomía e benestar emocional.

A edición de 2026 contará con arredor de 70 participantes e desenvolverase entre os meses de maio e setembro. Durante ese tempo poñeranse en marcha obradoiros e actividades centradas na autoestima, a saúde mental, a educación financeira, a saúde sexual, a prevención das violencias machistas, o liderado feminino ou o acceso ao emprego e ás novas tecnoloxías. O programa manterá ademais un servizo especializado de asesoramento psicolóxico, xurídico e laboral con atención individualizada para as participantes que o necesiten.

Dende os tres concellos destacan que unha das claves do éxito do programa foi precisamente Qa colaboración entre administracións para achegar recursos e servizos especializados ao rural, facilitando que moitas mulleres poidan acceder a este tipo de apoio sen ter que desprazarse lonxe das súas contornasQ.

O proxecto inclúe ademais medidas para favorecer a participación de mulleres das parroquias e zonas máis dispersas, incorporando transporte para determinadas actividades e tratando de evitar que as dificultades de mobilidade ou conciliación supoñan unha barreira.

Os gobernos municipais consideran ademais que Qa elevada puntuación obtida na convocatoria autonómica supón un importante respaldo ao traballo realizado durante os últimos anos e ao compromiso compartido das Neves, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas coa igualdade e a loita contra a violencia de xéneroQ.

O Programa Xuntas desenvólvese ao abeiro da convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+ Galicia 2021- 2027).

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS