A Franqueira, no Concello da Caniza, vive no día de hoxe a Romaría das Pascuillas, a peregrinación relixiosa que se celebra no Santuario de Santa María da Franqueira cada luns de Pentecostés e que conta coa participación de numerosos feligreses.
Son moitos os veciños e veciñas dos concellos limítrofes os que comezaron esta madrugada a súa peregrinación cara a Franqueira, en moitos casos cargando coa imaxe da súa parroquia, co obxectivo de chegar para a misa solemne e a procesión. Este ano, a romaría contou con máis de 60 imaxes levadas dende diferentes puntos das comarcas dos arredores.
A maiores, e como é habitual, debido á grande afluencia de xente, a entrada da A-52 dirección Vigo-Ourense viuse afectada por pequenas retencións na súa estrada de acceso ao Santuario.

